Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

O Colexio Padín Truiteiro xa está listo para converterse en CEIP

Unha das aulas, xa reformada, co mobiliario adaptado e o chan especial na zona de xogos. DP
Unha das aulas, xa reformada, co mobiliario adaptado e o chan especial na zona de xogos. DP

O Concello de Soutomaior completou as obras nas aulas, patios e baños para acoller aos alumnos de Educación Infantil da Oliveira

O Concello de Soutomaior anunciou a finalización dos traballos de adaptación necesarios para que o Padín Truiteiro poida acoller ao alumnado de Educación Infantil que este curso chegará do edificio da Oliveira. Grazas a estes traballos o centro reune os requisitos técnicos necesarios para albergar aos nenos de entre tres e seis anos e adquire a condición de CEIP (Centro de Educación Infantil e Primaria).

A adaptación incluíu a instalación de catro baños adaptados para os alumnos de Infantil, a remodelación das aulas, que inclúen zonas de xogos con pavimento especial e a instalación dun aseo novo na biblioteca adaptado. O resto dos baños comúns do centro reformáronse, instalando novas pezas de cerámica. A parte cuberta do patio reformouse completamente coa instalación de máis de 400 metros cadrados de pavimento puído e a substitución de máis de 100 metros cadrados da cuberta. Para aumentar a seguridade dos novos alumnos, instalouse un novo valado en todas as escaleiras exteriores e na zona de xogos.

Do mesmo xeito, instaláronse novas varandas de seguridade adaptadas aos alumnos de infantil en todas as escaleiras interiores do centro, ampliouse a zona de comedor en máis de 40 metros cadrados e mellorouse o acceso a esta zona cunha nova porta que permite o paso directamente desde o exterior do edificio.

Para rematar, mellorouse a zona axardinada coa instalación de novos elementos. As medidas tomadas para adaptar o centro son o resultado do encontro que o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, mantivo co director, Modesto Campos, e o xefe de estudos, Francisco Obelleiro ao terminar o curso. Os traballos máis urxentes levaron a cabo no verán e os restantes, como a renovación da cuberta do patio e a mellora dos postes do exterior do comedor, realizaranse durante o parón de Nadal.

O Colexio Padín Truiteiro xa está listo para converterse en CEIP
Comentarios