Combarro acolle o regreso de Elixe Galicia 2021, que recibirá 1,3 millóns

A vila mariñeira foi escenario da reactivación do programa de turismo financiado para residentes da comunidade
undefined
photo_camera Nava Castro, no centro, co resto das autoridades, en Combarro, este mércores. D.F.

A Xunta anunciou este mércores en Combarro, un dos puntos de Galicia con maior capacidade para recibir visitantes, a reactivación do programa Elixe Galicia 2021 que prevé comezar as viaxes a partir do 30 de maio.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, deu detalles sobre esta nova fase do plan durante unha visita na que estivo acompañada polo alcalde, Luciano Sobral; o presidente da Asociación Profesional de Guías de Galicia, Tommi Alvarellos, e o tesoureiro do Clúster Turismo de Galicia, Alfonso Martínez. Ademais do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Castro destacou que xa se formalizaron o 18% das prazas previstas para este ano, unhas 1.800 das 10.000 que se están comercializando a través exclusivamente das axencias de viaxes.

O prazo para solicitalas segue aberto e que esta iniciativa se traducirá nunha inxección directa ao sector de preto de 3 millóns de euros, grazas á achega da Xunta que financia o 40% do custo das prazas ata chegar aos 1,3 millóns de euros, e á participación da cidadanía, que sufraga o 60% do custo dos paquetes turísticos.

Esta segunda convocatoria desenvolverase ata 15 de novembro, excepto no período comprendido entre o 21 de xuño e o 10 de setembro, pontes e festivos, en que non haberá viaxes xa que o obxectivo é consolidar a desestacionalización e o turismo interno.

"Agora é máis importante ca nunca fomentar que os galegos fagan máis turismo en Galicia. É unha aposta imprescindible", asegurou Castro, que reiterou a aposta da iniciativa por protocolos e medidas de seguridade, limitación de aforamentos e garantías sanitarias necesarias para manter o control da pandemia e ofrecer tranquilidade aos usuarios.

Comentarios