Combarro terá 160 novas prazas de estacionamento a partir do verán

Combinarase o aparcamento para residentes co uso libre en catro parcelas na Pinela, Padrón, Camiño Real e entre Cela e Padrón
Plano que recolle as catro parcelas que se habilitarán no núcleo de Combarro. DP
photo_camera Plano que recolle as catro parcelas que se habilitarán no núcleo de Combarro. DP

O Plan de Estacionamento para Combarro está a piques de converterse en realidade. O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, deron conta este xoves da dotación dun total de 160 novas prazas de estacionamento distribuídas pola parroquia, e que teñen como obxectivo dar servizo ao casco histórico, que estarán operativas, tal e como confirmou Caldas, xa para este verán.

Neste sentido, o Goberno local xa avanzou no acondicionamento de varios dos terreos, distribuídos en parcelas ubicadas na Pinela, Praia do Padrón, Camiño Real e entre Cela e Padrón. Un dos terreos xa se atopa adecentado e, no sucesivo, será a quenda do de Camiño Real, tal e como explicou Caldas. O proxecto pasará en conxunto pola Comisión de Urbanismo, e supuxo un importante esforzo por parte da Concellería ao carecer a zona de parcelas de titularidade municipal. Neste sentido, explicaron, os espazos obtivéronse en modalidade de contratacións de alugueiro e concesións gratuítas para o uso.

Así, o Concello pasa a dispoñer de máis de 6.000 metros cadrados para aparcamentos. Tal e como detallou Caldas, na Pinela habilitaranse entre 60 e 80 prazas de uso libre, tendo en conta as expropiacións da PO-308 e a afectación de Costas. Na Praia do Padrón, o uso será combinado, con 25 prazas que durante o verán pasarían a ser só para residentes, mentres que o resto do ano serían de uso libre. Se ben esta parcela atópase afectada pola rotonda da PO-308, dende o departamento xa xestionaron a viabilidade coa Xunta, explicou a edil.

O alcalde, Luciano Sobral, e Marga Caldas, este xoves en Ferreirós. A.M.U.
O alcalde, Luciano Sobral, e Marga Caldas, este xoves en Ferreirós. A.M.U.

A parcela do Camiño Real, moi próxima ao centro histórico, contará con 15 prazas para residentes, ao igual que a parcela restante, entre Cela e Padrón, con outras 15 prazas de uso exclusivo para residentes.

En todas as parcelas establecerase o uso máximo de 24 horas, co obxectivo de que "non sexa abusivo e que todo o mundo poida ter acceso".

A edil de Seguridade Cidadá tamén lembrou que, en canto ao Paseo das Redeiras, atópase pendente a construción de 25 prazas a maiores para as que é necesaria a autorización de Costas, se ben "temos confianza con que pronto dará viabilidade". Neste sentido, Caldas remarcou que, para a construción do aparcamento, "non se eliminará unha zona verde de Combarro, senón que o parque se traslada a unha nova zona, creando un novo espazo verde". Para poder conseguir a xestión municipal das prazas que xa existen noutro espazo situado no paseo que une A Chousa co peirao da Canteira, o Concello atópase pendente do permiso de Portos.

Ademais, de cara ao futuro o Concello tamén prevé repetir dotar como prazas para residentes, de xeito temporal, espazos na Baixada á Chousa e na Rúa Maceira, só durante a tempada estival.

Pola súa banda, o alcalde, Luciano Sobral, explicou que o Concello está en conversas co Arzobispado para poder habilitar outra zona de aparcadoiros na parcela que actualmente ocupan as ruínas do antigo cine, a carón da igrexa. "co que gañariamos entre 40 e 50 prazas nunha zona chave".

Control
A Policía Local supervisará as matrículas
O método de control sobre as prazas de uso exclusivo para residentes, unha das preguntas formuladas pola cidadanía ao coñecer o proxecto, quedou onte resolto: adoptarase a modalidade que se puxo en práctica a pasada Semana Santa, pola que a Policía Local exerce a supervisión dos vehículos a través das matrículas, cuxos propietarios deben constar como empadronados en Combarro. Para os que non o estean, bastará con notificalo á Policía Local e acreditar a calidade de residentes.

"Este é un primeiro paso para a reorganización, e seguiremos estudando tanto a boa marcha do control como a dotación de máis espazos", asegurou Caldas.

Comentarios