Comezan as obras de mellora do camiño de Covelo, na parroquia de Samieira

A actuación conta cun orzamento de 33.500 euros e inclúe a mellora da drenaxe
2020082512503255167
photo_camera O concelleiro de Urbanismo supervisou o luns as obras. CONCELLO

Durante a mañá do luns deron inicio as obras de mellora do Camiño de Covelo, situado na parroquia de Samieira, unha actuación que leva a cabo a empresa EC Casas e que conta cun orzamento que ascende a 33.558,28 euros. Os traballos financiaranse a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2020-2021, unha liña da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A firma adxudicataria obtivo a puntuación máis alta no concurso de licitación previo, ao que se presentaron un total de seis ofertas, nun prazo que se pechou a finais de xuño.

As obras, cuxo inicio foi supervisado onte polo concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, contemplan unha renovación do firme do camiño, situado no lugar de Riodama, así como da reposición de diferentes servizos. A vía conta cunha anchura media entre os cinco e os sete metros e cun pavimento a base de asfalto, que, debido ao desgaste producido pola constante circulación de vehículos e á erosión orixinada pola auga, presenta un importante estado de deterioro en diferentes puntos. Ademais, o informe elaborado polo enxeñeiro municipal advirte de que a escorrentía orixinada polas precipitacións "de certa intensidade" repercute de xeito "moi negativo" no estado de conservación do vial, producindo arrastres dos terreos.

Dende o Concello de aseguran que é "imprescindible" executar unha rehabilitación do firme, así como a mellora dos sistemas de drenaxe e a evacuación de augas pluviais, mediante a execución de cunetas en parte do tramo de actuación. No caso da renovación da superficie, o proxecto aposta polo reasfaltado, mediante a dotación dunha capa media de cinco centímetros de mestura bituminosa en quente. Pola súa banda, unha das cunetas discorrerá pola marxe esquerda, en sentido crecente, entre os puntos quilométricos 0,202 e o 0,262, con acabado revestido en formigón. A segunda irá por ambas marxes, entre os puntos 0,280 e 0,425, con acabado en terra. Esta rede completarase coa execución da conexión da cuneta de formación á rede de pluviais existente, mediante a instalación de 10 metros de tubo PVC, de 315 milímetros de grosor, ao pozo de rexistro máis próximo. Actuarase nunha extensión de 448,70 metros lineais e asfaltarase unha superficie superior aos 2.000 metros cadrados. A actuación tamén mellorará os acesos ás parcelas agrícolas da contorna. Esta actuación súmase a outras que tamén está acometendo o Concello entre as que se atopa, como sinala a tenente de alcalde, Chelo Besada, a mellora do camiño de San Martiño, en San Xoán.

Comentarios