Comisados 1.600 quilos de sardiña nun control nun control na AP-9 en Vilaboa

Carecían de documentación e, tras comprobar que eran aptos para o consumo, foron entregados ao banco de alimentos

Sardinas decomisadas en un control en Vilaboa. DP
photo_camera Sardiñas comisadas nun control en Vilaboa. DP

Os Gardacostas e a Garda Civil de Tráfico requisaron este martes un total de 1.600 quilos de sardiña e unha furgoneta no marco dun control por estrada levado a cabo na peaxe da AP-9, en Vilaboa.

O produto incautado carecía, segundo o instituto armado, da documentación esixida para acreditar a súa orixe e, unha vez constatado que era apto para o consumo, foi entregado ao centro benéfico Fundación Provincial Banco de Alimentos de Pontevedra.

Os gardacostas tamén comisaron 628 quilos de xurelo noutro control realizado o martes no concello coruñés da Serra de Outes. Tras comprobar que o produto tamén era apto para o consumo, foi vendido na lonxa de Portosín.

Estes operativos enmárcanse no conxunto dos controis que efectúa o Servizo de Gardacostas no ámbito da comercialización e transporte nas estradas de Galicia, que se suma aos controis da baixamar nas praias para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos pesqueiros.

Nos últimos nove días, informa un comunicado, os gardacostas requisaron preto de 945 quilos de peixe e marisco e 700 útiles de pesca, case todo nasas, noutras inspeccións realizadas no litoral galego.

O operativo máis destacado foi na Illa de Arousa e resultou coa incautación de 312 nasas e co comiso de 31 quilos de nécora, 13 quilos de polbo, 11 quilos de conguito e catro quilos de congro, posto que todo estaba sen identificar.

En Pontevedra, Vigo e A Coruña tamén se realizaron varias inspeccións coa incautación de preto de 500 quilos de peixe e marisco.

Comentarios