Os comuneiros de Carballedo queren converter o campo de Sión nun espazo de lecer

Os plans da nova directiva pasan por arranxar a Casa do Emigrante. O alcalde pide apoio para ampliar a área fluvial de A Chan
O alcalde, Jorge Cubela. RAFA FARIÑA
photo_camera O alcalde, Jorge Cubela. RAFA FARIÑA

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o tenente de alcalde Fernando Vázquez e o concelleiro Bruno Portela, mantiveron un encontro cos novos responsables da Comunidade de Montes de Carballedo, que preside Antonio González Troitiño.

Ademais de presentarse formalmente, a reunión, que durou unhas tres horas, serviu para analizar os futuros investimentos e coñecer os proxectos para a nova etapa desta organización veciñal .

As principais liñas de actuación da xunta xestora para o presente mandato xiran en torno á necesidade de que o Concello colabore na rehabilitación da Casa do Emigrantes. Tamén se demanda axuda para promover melloras no campo de fútbol de Sión, o cal pretenden transformar nun espazo de lecer e multiusos, así como na Carballeira de Don Elías. González Troitiño solicitou tamén a colaboración do alcalde para demandar da Deputación e do Ministerio que se leve a cabo o plan previsto de actuación no entorno rupestre do Alto da Cruz do Castro para protexelo, conservalo e poñelo en valor.

Cubela comprometeu o seu apoio a estes temas e tamén lle indicou a vontade do Concello de colaborar nas demais iniciativas propostas como poñer en valor o Alto da Cruz do Castro, o Foxo do Lobo, así como algunha ruta de sendeirismo e o impulso ante Medio Rural de iniciativas para o monte como no seu momento se desenvolveron accións como as de CO2

Revolution. Pola súa banda, o alcalde amosou o interese do Goberno Local en establecer vías de colaboración, sobre todo orientadas a mellorar a área fluvial da Chan onde os comuneiros dispoñen de parcelas e terreos subsceptibles de formar parte dun amplo proxecto que proxectará un mellor aproveitamento da zona, próxima tamén ao albergue de peregrinos da Vía Mariana que se porá en funcionamento próximamente. Tamén son plans pendentes para esta parroquia a creación dun centro BTT e a construción e posta en marcha da residencia da terceira idade de Carballedo.

Comentarios