Os comuneiros de Vilaboa cederán o solo a San Marcos para o tanatorio

A Comunidade de Montes aprobou en asemblea a proposta da empresa, que a cambio axudará a construír a Casa de Montes
undefined
photo_camera A asemblea contou con 105 asistentes, dun total de 155 comuneiros. RAFA FARIÑA

Acordo unánime entre os comuneiros de San Martiño de Vilaboa para aceptar a única proposta empresarial recibida na fase de concurso aberta para atopar unha firma que asumise a construción e xestión dun tanatorio. Ao final, tras un par de meses de espera, a Comunidade de Montes pechou o concurso cunha soa oferta que se analizou este domingo en asemblea e que, a pesar de non contar con competencia, foi considerada como "moi favorable" pola directiva encabezada por José Luis López.

A proposta foi sometida a votación e apoiada por unanimidade polos asistentes. O acordo que se adoptará consiste na cesión por trinta anos dunha única parcela de terreo cualificado urbanisticamente como equipamentos que permitirá construír o tanatorio.

Como contraprestación, no canto dun canon, a empresa adxudicataria, San Marcos Servizos Fúnebres, ofrécese a realizar unha parte dos traballos que serán necesarios cando a Comunidade de Montes poida empezar co seu outro gran proxecto: a construción da Casa de Montes, en Acuña. "Hai comprometidos unha serie de traballos que serán máis importantes e útiles que contar cun canon anual, porque nos permitirán rematar a casa de montes nunha fase", indicou o presidente tras a reunión.

O anteproxecto presentado por San Marcos consta de dúas salas velatorias e unha máis de cerimonias na que tamén se poderían realizar velorios. O espazo contará con amplos aparcadoiros no exterior e tamén con áreas axardinadas. A parcela, de menos de 4.200 metros cadrados, realizouse comprando e unindo varios terreos e está moi preto do Cemiterio Municipal de Vilaboa, Con case 6.000 habitantes, este Concello carece de velorio público ou privado.

comentarios