Poio ingresou 17,4 millóns en 2019 fronte aos 12 orzados

O Remanente de Tesourería ascendeu a 2,4 millóns de euros o exercicio pasado, "seguindo a tendencia dos últimos anos"
Xulio Barreiro. RAFA FARIÑA
photo_camera Xulio Barreiro. RAFA FARIÑA

O peche e liquidación do Orzamento municipal de Poio cifrou un crédito final de máis de 17,4 millóns de euros, se ben a cifra inicial quedara fixada en 12.646.000 euros. Esta circunstancia, que se tratará no Pleno que terá lugar este martes no Concello, foi comentada polo concelleiro de Economía e Facenda, Xulio Barreiro, quen explicou que esta diferenza atende "a criterios de prudencia", xa que "ao longo do ano recibimos achegas que inicialmente non se contemplan no documento".

Segundo explica o Goberno local, o informe elaborado polo departamento de Intervención reflicte que a día 31 de decembro do ano pasado o Remanente de Tesourería ascendía a 2,4 millóns de euros, unha cantidade que "segue a tendencia que vimos marcando ao longo dos últimos anos", salienta Barreiro. Este remanente calcúlase mediante a suma dos fondos líquidos, máis os dereitos pendentes de cobro, deducíndose as obrigas pendentes de pago e engadindo as achegas tamén pendentes de aplicación. Destes 2,4 millóns de euros, preto do 50%, concretamente, 1.094.000 euros, destinaranse "a investimentos", segundo o concelleiro de Facenda. O resto corresponde a obras "que xa están comprometidas ou en marcha". Unha das actuacións que se acometeu recentemente a través de parte do Remanente de Tesourería foi o do novo vial da Caeira, segundo explica o Goberno local.

En canto ao nivel de execución do Orzamento do ano pasado, segundo o Concello, o informe de Intervención "constata que os ingresos completáronse ao 97,4%" e "a porcentaxe correspondente aos gastos quedou fixada nun 96,8%".

O concelleiro do departamento de Economía e Facenda sinala que estes exercicios constatan "eficacia". Tamén engade que, "dende a conclusión do exercicio pasado, o concello dispón de preto de tres millóns de euros nas súas contas bancarias". Barreiro tamén quixo salientar que "en ningún caso o incumprimento do Plan Económico Financieiro vai supoñer restricións ou recortes en investimentos ou en achegas a diferentes áreas, tal e como afirmou hai uns días o grupo da oposición".

"A normativa establece que só se pode destinar un 2% do Remanente de Tesourería a investimentos, e o resto para amortización de débeda. Este tipo de pautas xurdiron despois da crise económica, para evitar o exceso de endebedamento das administracións públicas, pero para un Concello como Poio, que leva xa varios anos experimentando un crecemento importante, é un problema non poder realizar máis investimentos cando estamos en disposición de facelo", dixo.

Neste sentido, o concelleiro asegurou que a débeda da Administración municipal "está totalmente controlada e ben estruturada", polo que "entendemos que é moito máis necesario acometer investimentos e asumir gastos para garantir servizos e cubrir as necesidades das veciñas e veciños de Poio".

Durante o Pleno que terá lugar este martes tamén se abordará a terceira prórroga do contrato de arrendamento do local situado en Costa Xiráldez, así como unha moción sobre a mellora da estrada PO-303, que une o municipio con Meaño, impulsada na vila veciña pola agrupación Meaño Independiente. Ademais, aprobarase unha moción consensuada entre todos os grupos sobre o 8M, Día Internacional das Mulleres.

Comentarios