Agís sinalou que, á hora de elixir os lugares nos que actuar, téñense en conta "diferentes criterios", como o estado das luminarias, e valórase se se lle pode dar continuidade a vías ou espazos acondicionados recentemente, tendo tamén en conta os requirimentos solicitados polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (Idae) á hora de outorgar posibles subvencións. Entre os lugares que pasarán a contar proximamente con luminarias led figuran a Praza da Chousa, en Combarro, ou a alameda do Mosteiro de San Xoán.
O concelleiro de Urbanismo de Poio incidiu na "dificultade que supón conseguir manter esta liña de redución de custes", mellorando, ao mesmo tempo, o servizo, "nun contexto marcado pola suba constante do prezo da electricidade nos últimos anos". No caso do Concello, en 2020 o 72% da contía total (algo máis de 344.000 euros) foron destinados a alumeado público. Pola súa banda, as instalacións deportivas supuxeron un custe que rozou os 20.000 euros. Neste eido cómpre lembrar que o Concello vén de rematar as obras de eficiencia enerxética do pavillón da Seca como do ximnasio municipal, que axudarán a reducir estes custes, algo que tamén se busca coa reforma integral da Casa Consistorial, que nuns meses pasará a contar con nova cuberta con illamento térmico.
No caso do recibo enerxético, un informe elaborado polos técnicos do Consistorio constata que a contía destinada para a dotación de enerxía a luminarias e equipamentos municipais, que se situou nos 476.803 euros en 2020, só atopa unha cifra similar remontándose ao ano 2016, cando a factura ascendeu a 486.957 euros. Deste xeito, mantense a tendencia á baixa que se ven consolidando desde hai máis dun lustro. Neste sentido, aforráronse máis de 200.000 euros entre 2013 e o pasado exercicio, o que supón o descenso do 30% na facturación, que en 2013 fora de 676.805 euros. En 2019, o investimento foi de 505.901 euros, producíndose un aforro de preto dun 6% (algo máis de 29.000 euros).
O concelleiro de Urbanismo tamén lembrou que, a medio prazo, o Goberno local contempla levar a cabo unha ambiciosa actuación, que servirá para efectuar unha importante renovación e mellora da iluminación pública, mediante a renovación de de preto de 2.700 luminarias, que pasarán a ser led, sumándose así ás que xa se foron instalando, de xeito periódico, nos últimos anos. Para iso, solicitaranse fondos ao Idae para cubrir o 80% desta actuación, valorada en 980.000 euros. O proxecto, foi aprobado por unanimidade no Pleno do pasado mes de outubro, e traducirase nun aforro total de preto dun millón de euros nun periodo de tempo de 15 anos.