Os concertos desta fin de semana na Seca serán con público de pé

París de Noia e El Combo Dominicano, que xa esgotou entradas, pechan a programación de Verán en Poio
undefined
photo_camera Actuación de la orquesta París de Noia en una imagen de archivo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A programación de Verán no concello de Poio remata esta fin de semana cunha grande variación con respecto aos anteriores concertos e actividades que se levaron a cabo no municipio nas últimas semanas: as actuacións faranse con público de pé.

Así o confirmou o edil de Festexos, Xosé Luis Martínez, quen mostrou a súa ledicia porque isto permita que os espectadores gocen "dun xeito máis libre, de acordo á ampliación dos aforos e indicacións que a Consellería de Sanidade vén de anunciar para os eventos musicais".

Deste xeito, a explanada da Seca será o epicentro da despedida da programación de verán, co protagonismo de dúas grandes orquestras de renome, como son París de Noia e El Combo Dominicano, que xa esgotou as entradas. Tal e como explicou o edil nacionalista, "só quedan as derradeiras para París de Noia", que se poden adquirir de balde aínda en woutick.es.

Para asegurar a celebración dos eventos con garantías, na xornada do venres 24 e o sábado 25 de setembro, a concellería de Festexos disporá dun dispositivo especial na explanada da Seca, que constará dun recinto acotado dividido en dous sectores diferenciados diante do escenario, con capacidade para 500 persoas cada un, tal e como indica a normativa autonómica en materia de prevención da covid-19.

O acceso será común e por orde de chegada e a apertura de portas aos dous eventos terá lugar ás 21.00 horas, unha hora antes da actuación.

"Grazas ao proceso de vacinación e á concienciación da veciñanza, atopámonos nun contexto no que podemos garantir actuacións seguras onde se poida sentir a música doutro xeito a como se viña facendo ata o de agora", valorou o edil nacionalista.

Domingo cultural: retómanse os eventos aprazados 
Este domingo 26 de setembro, a partir das 19.00 horas, celebraranse outros dous eventos culturais no Parque Costa Xiráldez, retomando así as citas que se tiveron que aprazar por mor do tempo.

Por unha banda o clown e humor de Isolada chegará ás 19.00 horas ao Parque Costa Xiráldez, e de seguido, ás 20.00 horas, será o concerto de música tradicional da man de Pelepau, formación folk viguesa de recoñecida traxectoria, composta por 11 percusionistas que presentan unha revisión do repertorio tradicional de cancións da terra.

Comentarios