miércoles. 08.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.07.2020
El tiempo

Crece o optimismo co polígono de Barro: "Están a construírse novas naves e, polo tanto, economía"

Ana Meijas, Carmela Silva, Fernández Abraldes e Santos Héctor, este martes. DEPUTACIÓN
Ana Meijas, Carmela Silva, Fernández Abraldes e Santos Héctor, este martes. DEPUTACIÓN

Tres das oito parcelas vendidas no último ano están inmersas en obras de construción

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou o seu optimismo polo funcionamento do polígono de Barro e ante a intensa actividade empresarial que rexistra estas xornadas. Actualmente tres parcelas, das oito que se venderon no último ano, están a desenvolver obras de construción para levantar as súas naves industriais.

"Están a construírse novas naves e, polo tanto, economía. Dicir isto no momento que estamos a vivir os chea de optimismo porque as empresas queren tirar para adiante, e temos que apoialas", engadiu Silva, no transcurso da visita que realizou este martes a este espazo industrial, acompañada do alcalde do municipio, Xosé Manuel Fernández Abraldes, da deputada de Promoción Económica, Ana Mejías, e do deputado de Cooperación, Santos Héctor.

Neste sentido, Carmela Silva mostrou a súa satisfacción por estes avances, porque "ter empresas asentadas no territorio" é "a garantía de futuro".

Pola súa banda o alcalde de Barro tamén mostrou a súa alegría por ver que, "logo da situación tan difícil", todo "sigue funcionando: as empresas seguen investindo, creando postos de traballo, e continúan os proxectos industriais ligados ao polígono".

Nos últimos tempos fixéronse obras para a reposición do cableado da iluminación, que esta semana se amplían á zona E; rozáronse as parcelas da institución; repuxéronse elementos e a sinalización horizontal; e, a mediados de mes, asinarase a adxudicación do novo aparcadoiro público que fará a Deputación para 110 prazas.

VIVEIRO DE BARRO. Carmela Silva e Xosé Manuel Fernández tamén visitaron as instalacións do viveiro, que "vai como un tiro" e mantén unha ocupación que só "dá alegrías", ao alcanzar o 100% das naves, incluso con empresas en lista de espera, e un 80% das oficinas.

A presidenta e o alcalde visitaron tamén o novo DepoFabLab, laboratorio de fabricación dixital, "un exemplo de innovación e tecnoloxía", e mantiveron un encontro co equipo asesor do punto Smartpeme e coa coordinadora da quinta edición do coworking que a Deputación fai coa Escola de Organización Industrial.

Carmela Silva expresou o seu orgullo polo "éxito" da quinta edición do coworking: "A primeira que fixemos online e que está a funcionar moi ben, con 21 persoas traballando en total".

O punto de Smartpeme no viveiro de Barro triplicou o número de asesoramentos a empresas durante o estado de alarma, así como o das persoas que asisten aos talleres online.

Crece o optimismo co polígono de Barro: "Están a construírse novas...
comentarios