Cubela négase a asinar as actas previas da obra de Viascón

Jorge Cubela non pode saltarse a lei, pero dilatará o proceso evitando a rúbrica todo o tempo posible  Maica Larriba explica que o proxecto nunca estivo parado, pero abre a esperanza para manter a liña descontinua que piden os veciños

Jorge Cubela. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Jorge Cubela. OLGA FERNÁNDEZ

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, emitiu este xoves un comunicado anunciando que instará por todos os medios a que Fomento renegocie cos veciños de Viascón a obra de mellora viaria da N-541 que se proxecta para a zona.

O rexedor realizou este anuncio logo de non comparecer na sesión de levantamento de actas previas á urxente ocupación dos terreos nunha decena de propiedades do lugar.

O alcalde anunciou que non asinará as actas previas para estirar ao máximo os prazos de dilación da obra. Pero con todo, Cubela non ten previsto incumprir a lei, motivo polo que esta acción se postergará, en busca de dilatar os tempos, pero nunca se evitará.

O rexedor insiste en que no período no que o PP estaba no Goberno central a obra paralizouse

O alcalde tomou outra iniciativa, a de ofrecer asesoramento xurídico aos afectados polas expropiacións. Así o fixo este xoves nunha reunión cos mesmos, instantes antes da chegada dos técnicos. Asesorados polo gabinete ofrecido polo alcalde, os propietarios si asinaron as actas, aínda mostrando a súa desconformidade cos textos.

O rexedor insiste en que no período no que o PP estaba no Goberno central a obra paralizouse e en que esta só volveu ver a luz cando o equipo de Pedro Sánchez chegou ao mesmo. O tema, que está a causar gran controversia en todo o municipio, terá protagonismo no Pleno do xoves 27, pois o propio PP presentará unha moción instando a renegociar os termos da obra.

Fronte a isto, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reuniuse persoalmente cos veciños de Viascón para expor os detalles da situación cunha versión totalmente contraria á do rexedor. Larriba explicou ao equipo da Asociación de Veciños O Agro que a obra non era un proxecto propio, senón que formaba parte dun paquete de intervencións que "nunca foi paralizado".

Larriba: Só contabilizáronse tres de particulares e referentes á reposición dos peches perimetrais

CAMBIO DE SENTIDO. A subdelegada do Goberno, nesa liña, expuxo que o proxecto, a pesar do que di o Concello, nunca recibiu alegacións en contra. "Só contabilizáronse tres de particulares e referentes á reposición dos peches perimetrais", reza un comunicado de Larriba. Deste xeito, o proxecto seguiu adiante.

"O proxecto foi aprobado en setembro de 2014 e exposto a información pública en novembro de 2014. Foi exposto nos concellos afectados, na unidade de estradas de Pontevedra e na demarcación de estradas da Coruña, como esixe a normativa. Finalmente o proxecto foi aprobado en setembro de 2015. En novembro licitáronse as obras e o contrato coa construtora data de xuño de 2016", sinala o gabinete do Goberno.

Neste período, entre 2016 e 2018 desenvolvéronse o resto dos proxectos de mellora no tramo de Cerdedo-Cotobade e este de Viascón, segundo a versión de Larriba, non ía ser menos, posto que nada no expediente indicaba ou ordenaba a súa eliminación ou paralización. De feito, a subdelegada non considera posible acceder á petición de que se desista do plan, posto que nunca se alegou en contra. Iso si, abre a vía a evitar o pintado da estrada que obrigaría aos veciños a cambiar de sentido na parroquia veciña de Tenorio. "Este aspecto vai ser estudado por Estradas por se existe algunha alternativa viable que garanta a mobilidade na parroquia", afirmou a subdelegada.

Comentarios