Cuntis recoñece a labor de Merchi a do Traspaso na Gala do Chapante

O municipio celebrará este domingo a Festa do Lacón, cuxos actos comenzarán ás 11.30 con actuacións e a apertura da Feira de Artesanía
photo_camera Manuel Campos entregou un obsequio á homenaxeada.

O Centro Patelas de Cuntis acolleu na noite do venres a XI edición da Gala do Chapante que cada ano sirve de evento previo á Festa do Lacón que celebra o seu día grande este domingo.

Na gala recoñeceuse a traxectoria de Mercedes Aboy Garrido, coñecida como Merchi a do Traspaso polos anos que leva á fronte deste histórico local de comidas e tapas de Cuntis. O alcalde, Manuel Campos, acompañado do deputado provincial, Manuel González, foi o encargado de entregarlle o obsequio co que se conmemora este recoñecemento. Así mesmo, foron entregados os premios do Tapalacón 2020, no que nesta ocasión participaron un total de 14 establecementos.

O certame estivo novamente moi disputado e todas as propostas foron dunha calidade excepcional, segundo subliña o Concello. Finalmente foi galardoado co primeiro premio Pensión A Fontiña, no segundo lugar foi elixido o Restaurante Don Manuel e en terceiro lugar o Bar O Pote. O grupo de teatro local, Chumpá Teatro, volveu, un ano máis, divertir a todos os presentes coa súas actuacións.

O xornalista pontevedrés Xabier Fortes será o encargado de dar o pregón, e tras el abrirase a 12ª edición da Vespalacón

Os actos da Festa do Lacón comezarán ás 11.30 horas coa actuación da Agrupación de Música e Baile Tradicional de Cuntis e a apertura da Feira de Artesanía. A continuación abrirase a mostra da Camelia con máis de 100 metros de exposición e tamén na Casa da Cultura poderase desfrutar da mostra Apiturismo da Asociación Galega de Apicultura.

O xornalista pontevedrés Xabier Fortes será o encargado de realizar o pregón. "Fortes é un dos maiores referentes do xornalismo e da comunicación da actualidade, ademais se ser unha persoa moi querida e coñecida en Galicia e especialmente na provincia de Pontevedra, polo que se trata dunha voz ideal para pregoar un festexo no que se exalta un dos pratos con maior tradición na gastronomía galega desta época do ano", indica o Concello.

Tras o pregón abrirase a XII Vespalacón, que congregará a ducias de afeccionados a estas motocicletas e que terá saída da Praza de Galicia.

Ás 13.00 horas será o desfile de entroido tradicional cos Boteiros e o Folión de Vilariño de Conso. Posteriormente actuará Brasaica Rapa na Praza da Constitución para dar paso ao xantar ás 14.00 horas. Pola tarde haberá xogos para nenos e ás 16.30 terá lugar o espectáculo Circanelo de Fredi&Cia e o concerto das Bandas de Música de Cuntis e de Vilaboa. Por último celebrarase o velatorio e o enterro do Chapante amenizado co grupo Galifunk.

Para facilitar o acceso ao centro da Vila habilitarase un bus que conectará coas zonas de aparcamento do Campo de Fútbol de As Canteiras e do Centro de Día de Cuntis. O Bus sairá cada 15 minutos cara a carpa entre as 10.00 e as 15.00 e regresará dende as 18.00 horas ata as 21.00 horas.

Comentarios