Denunciado un condutor que causou un accidente en Poio e se deu á fuga

O incidente deixou ademais unha gran mancha de aceite na estrada
El vehículo dañado. DP
photo_camera El vehículo dañado. DP

A Policía Local de Poio denunciou ao propietario dun vehículo implicado nun accidente de tráfico no que o condutor ou condutora se deu á fuga. Os feitos tiveron lugar durante a tarde do pasado martes 29 de decembro. O automóbil circulaba pola avenida de Colón, na parroquia de San Salvador, cando sufriu unha saída de vía. Non se rexistraron feridos, pero si importantes danos materiais no mobiliario urbano. Ademais, como consecuencia do sinistro, produciuse unha gran mancha de aceite na estrada, que podía poñer en perigo a seguridade dos usuarios e usuarias desta vía, situada en plena PO-309, nas inmediacións do acceso á AP-9. 

A persoa responsable do accidente abandonou o lugar dos feitos sen dar parte do sucedido nin advertir do estado no que quedaba a estrada. Ademais, procedeu a retirar o vehículo sen avisar ás autoridades. Finalmente, o turismo foi localizado poucas horas despois nunha explanada situada a varios quilómetros do lugar do sinistro. Agora, unha vez identificado e denunciado o propietario do automóbil, as investigacións céntranse en determinar a identidade da persoa que conducía o vehículo.  Ademais, tamén se dará parte do sucedido ao Ministerio de Fomento, titular do mobiliario danado, por se considerase reclamarlle os custes dos danos materiais.

Efectivos de Protección Civil de Poio foron os encargados de desenvolver as tarefas de limpeza para retirar os restos de aceite no pavimento. O custe desta actuación tamén será reclamado ao seu responsable.

Comentarios