Detido un poiense ao que pillaron vendendo cocaína cerca do Vao de Arriba

O delito foi detectado por un axente da Policía Local que estaba fóra de servizo
O poiense detido. CEDIDA
photo_camera O poiense detido. CEDIDA

Un veciño de Poio de 46 anos foi detido este martes pola mañá pola Policía Local tras ser sorprendido 'in fraganti' vendendo dúas papelinas de cocaína a outra persoa nunha rúa das proximidades do Vao de Arriba.

O delito foi detectado por un axente da Policía Local de Poio que estaba fóra de servizo e, despois do seu aviso, a substancia foi incautada ao comprador, que adquiriu polo prezo de 100 euros, por unha patrulla policial na rúa Antelo e Mariño.

O comprador foi proposto para sanción por posuír substancias ilegais, mentres que o sospeitoso pasou este mércores a disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra, quen xa foi detido en anteriores ocasións por delitos similares.

Pola súa banda, o modus operandi do detido, xa coñecido pola Policía Local, consistía en concertar unha cita por teléfono e acordar un lugar para entregar a dose, ao que se trasladaba en ciclomotor para non levantar sospeitas.

Non obstante, a Policía Local de Poio manifesta que dende hai cuestión dun ano logrouse "conter a venda de droga nas inmediacións do Vao". En efecto, sinalan que "tras o atentado contra a Policía e tralas medidas adoptadas, moderouse a actividade de venda de drogas, o que mellorou considerablemente a seguridade da zona, así como tamén os seus accesos", subliñan.

Comentarios