O castelo de Soutomaior exhibe historia e viñedos nunha nova ruta

A Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscrición para participar nas actividades
Viñedos de Soutomaior. DEPUTACIÓN
photo_camera Viñedos de Soutomaior. DEPUTACIÓN

A Deputación de Pontevedra abriu o prazo para participar na ruta Os viñedos do castelo, unha iniciativa que ofrece unha "nova forma" de achegarse ao castelo de Soutomaior na que "se combina historia cun percorrido polos viñedos, cata e espectáculo teatral"

Así o avanzou a institución provincial nun comunicado de prensa, no que indica que esta iniciativa combina "historia cun percorrido polos viñedos, cata do caldo Pedro Madruga e espectáculo teatral a cargo de Rosso&Bianco". 

A actividade, cuxo prazo de inscrición se abre este luns a través da entradas.castelodesoutomaior.com, terá lugar os días 20, 21, 27 e 28 de agosto e 3 de setembro ás 19.00 horas. Terá un aforamento máximo limitado a 15 persoas. 

A actividade durará 90 minutos e comezará cun paseo guiado pola senda dos viñedos de Soutomaior, a cargo de persoal propio de turismo que trasladará a experiencia natural do percorrido. 

Segundo a institución provincial, o obxectivo desta iniciativa "é promover o produto local e actividades sostibles e respectuosas co medio ambiente, dando a coñecer ás persoas participantes experiencias do patrimonio histórico e natural". 

A actividade, cun prezo de 8 euros por persoa, está dirixida "a persoas amantes do enoturismo, con interese en aprender e coñecer en que consiste o proceso de vendima nunha contorna natural privilexiada, á beira dun castelo medieval e dun xardín de excelencia internacional". 

Comentarios