A Deputación de Pontevedra pide unha lei trans estatal na estrea de 'Sorrisos transformadores'

Carmela Silva  pide que con iso se consiga que as persoas deste colectivo non sexan "patologizadas" ►O filme está producido polo ente provincial xunto coa Asociación Arelas

Presentación de 'Sorrisos Transformadores' .JAVIER CERVERA
photo_camera Presentación de 'Sorrisos Transformadores' .JAVIER CERVERA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reivindicou este martes, no acto organizado para conmemorar o Día Internacional da Memoria Trans, unha lei trans estatal integral.

O obxectivo sería que esta norma incidise no dereito destas persoas a non "ser patologizadas" e que poidan exercer "o dereito á autodeterminación de xénero", ao cambio de nome e sexo, a acceder en igualdade de condicións á sanidade pública, á necesidade de incluír a transexualidad no currículo educativo e a castigar os delitos de odio cara a este colectivo.

Máis dun centenar alumnos de tres centros educativos da capital da provincia asistiron á lectura dun manifesto e á presentación da curtametraxe documental Sorrisos transformadores, que percorre 36 municipios galegos recollendo casos reais de menores transexuais.

A película está producida pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación Arelas, un de cuxos membros, Brais Fernández, foi o encargado de ler un manifesto no que recordou e honrou a vida de persoas trans que foron asasinadas nos últimos anos.

Tamén reivindicou o dereito do colectivo a vivir en espazos seguros, empezando pola infancia e pola adolescencia. Así mesmo, fixo fincapé nos distintos campos nos que as persoas trans son discriminadas, como son o ámbito médico, laboral e legal.

DEREITO A ELEXIR LIBREMENTE

Logo da lectura do manifesto, inaugurouse un banco decorado coas cores que representan ao colectivo trans e que está instalado á sombra do emblemático magnolio dos xardíns de Vicenti.

"A sociedade non pode ser digna nin decente cando as persoas non teñen dereito a elixir libremente a súa vida", manifestou Silva no marco dun acto no que estivo acompañada pola deputada responsable de Igualdade, Isaura Abelairas; a presidenta da Asociación Arelas de Familias menores Trans, Cristina Palacios; e a fotógrafa e directora Noemí Chantada.

Comentarios