Dous novos incendios forestais en Cotobade e Cuntis desataron as alarmas na comarca

En Cequeril arderon aproximadamente 25 hectáreas
O voraz incendio de Cuntis calcinou unhas 25 hectáreas de monte no lugar de Vilar de Mato, na parroquia de Cequeril. CEDIDA
photo_camera O voraz incendio de Cuntis calcinou unhas 20 hectáreas de monte no lugar de Vilar de Mato, na parroquia de Cequeril.

Apenas un día despois de que as lapas devorasen 105 hectáreas na parroquia de Augasantas, no concello de Cerdedo-Cotobade, e cinco de que calcinasen 14 na parroquia de Cequeril, en Cuntis, estes dous municipios volveron ser este sábado escenario de dous incendios que puxeron en xaque á provincia de Pontevedra, debido á grande fumareda que o lume provocou nos concellos anexos aos afectados.

Nesta ocasión o concello máis afectado foi o de Cuntis, cunha superficie arrasada polo lume de aproximadamente 25 hectáreas. O incendio, que xa está estabilizado, tivo lugar na mesma parroquia que ardeu o pasado luns, pero no lugar de Vilar de Mato.

As lapas comezaron a asomar arredor das 15.00 horas deste sábado, e houbo que agardar ata última hora da tarde para que os efectivos de emerxencia conseguisen estabilizar parte da superficie forestal que estaba ardendo.

Na extinción do incendio participaron un técnico, tres axentes, 15 brigadas, seis motobombas, dúas pas, cinco helicópteros e cinco avións.

Afortunadamente, Protección Civil de Cuntis confirmou que non perigou ningunha vivenda do lugar.

Pola súa banda, o concello de Cerdedo-Cotobade volveu entrar en alerta na pasada noite do venres pola activación dun incendio preto da parroquia de Valongo, en concreto, na pradeira entre Valongo e Loureiro, que se volvería reactivar nas horas posteriores.

Segundo informaron fontes de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade, o primeiro lume orixinouse sobre as 23.00 horas do venres, chegando a calcinar algo menos dunha hectárea, e quedando extinguido na mesma noite.

Arredor das 11.30 horas da mañá deste sábado reactivouse o mesmo lume, nesta ocasión con máis intensidade, polo que, na segunda volta, calcinou algo máis dunha hectárea, segundo as mesmas fontes. Quedou tamén extinguido ao longo da xornada do sábado, tendo que desprazarse ata o lugar membros de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade e efectivos de Medio Rural, coa intervención dun helicóptero, unha avioneta, tres motobombas e tres brigadas.

AGUASANTAS. O concello de Cerdedo-Cotobade está en alerta constante estas semanas pola aparición de lumes de grande e baixa magnitude. O incendio de Aguasantas, declarado na madrugada do pasado luns, non foi extinguido por completo ata a mañá do pasado venres, cando Medio Rural informou desta circunstancia. Das 105 hectáreas afectadas en total, 80 son de monte raso e 25 arbolado, pese a que nun principio falábase de só 60 hectáreas afectadas en conxunto.