Enrique Vaqueiro non será candidato á Alcaldía da Lama

O portavoz socialista anuncia nun comunicado que tomou esta decisión para ser coherente coa súa promesa de deixar o posto no momento en que a súa candidatura deixase de crecer en votos
Enrique Vaqueiro. DP
photo_camera Enrique Vaqueiro. DP

O portavoz do PSOE de A Lama e cabeza de lista nas tres últimas convocatorias, Enrique Vaqueiro, anunciou que dará un paso ao carón e non se postulará como candidato da súa formación para os comicios de 2023. Vaqueiro anuncia nun comunicado que tomou esta decisión para ser coherente coa súa promesa de deixar o posto no momento en que a súa candidatura deixase de crecer en votos, cousa que sucedeu nas últimas eleccións municipais.

"Ante a celebración de reunións dos órganos internos do partido para a toma de decisións de quen debe encabezar a candidatura do PSDEG-PSOE no Concello da Lama decidín non volver encabezar a lista para as próximas eleccións municipais de 2023.

Sendo congruente coa miña afirmación de apartarme en caso de baixar en número de votos con respecto da elección anterior, teño que cumprir a palabra dada", indica o socialista no comunicado no que explica o seu renuncia, para engadir que "estarei a disposición do partido, como o estiven nestes vinte anos de militancia, do mesmo xeito que me poño ás ordes de quen se decida encabece o proxecto para o 2023".

Vaqueiro non oculta o seu malestar co que o considera unha situación de declive na Lama e recoñece que sente "unha gran frustración persoal ao ver que non avanzou nestes últimos tres anos como se prometeu, cos mesmos datos negativos de paro, despoboamento e abandono. Espero que o meu partido elixa ao mellor candidato e espero tamén que a xente sexa sabia e vote pensando no futuro", para pór fin a esa situación.

Vaqueiro agradece no seu comunicado o apoio "ás 439 persoas que me votaron en 2011, ás 552 do 2015 e ás 356 do 2019. Así como a esas marabillosas mulleres e homes que me acompañaron nas candidaturas".

Ademais, despídese da primeira liña política cun "agradecemento especial aos alicerces do socialismo na provincia, o Secretario Xeral, David Regades e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, pola súa comprensión, apoio e agarimo en todo momento".

Comentarios