Ernesto Filgueira buscará "sacar o concello da poza na que se atopa"

O BNG de Cercedo-Cotobade arroupa ao seu candidato nun acto de presentación no que participou Miguel Anxo Fernández Lores

Filgueira (segundo pola esquerda) a carón do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. RAFA FARIÑA
photo_camera Filgueira (segundo pola esquerda) a carón do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. RAFA FARIÑA

Dialogar e buscar puntos de encontro cos colectivos sociais, apoiar o tecido económico local ou promocionar o turismo son algunhas das liñas mestras que Ernesto Filgueira quere facer realidade na súa estrea como candidato nunhas eleccións municipais. Así o deixou patente o pasado venres, durante a súa presentación como alcaldable do Bloque Nacionalista Galego de Cerdedo-Cotobade, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que non quixo deixar pasar a ocasión de amosar o seu apoio ao cabeza de lista. "(Filgueira) é unha persoa que sempre traballou para o ben común e nunca reclamou nada para si mesmo", sinalou Lores, que tamén destacou o labor realizado polo candidato do BNG como máximo responsable da Asociación de Comerciantes Zona Monumental.

O encargado de presentar ao alcaldable foi o responsable local do colectivo nacionalista, Anxo Santomé, que definiu ao seu compañeiro como "unha persoa amábel, traballadora, honrada e cunha dilatada experiencia no ámbito asociativo e empresarial". O gran protagonista do acto, pola súa banda, deixou claro que se presenta aos comicios do 26 de maio coa meta de mellorar a calidade de vida dos veciños. "Esa é unha condición indispensable para asentar poboación. Non podemos permitir que o noso concello viva unha continua sangría demográfica. Debemos ofrecerlles oportunidades aos cidadáns para que se poidan labrar un futuro aquí", manifestou.

Filgueira entende que será clave acadar puntos de encontro cos colectivos sociais. "Este é un proxecto común. É a única maneira para que Cerdedo-Cotobade poida saír da poza na que se atopa", salientou. Ademais, comprometeuse a satisfacer as necesidades da xente maior e fomentar a natalidade, algo que "non se consegue promovendo cheques-bebé".

Comentarios