A escola María Vinyals reúne en Soutomaior as maiores referentes en materia de igualdade

A terceira edición das xornadas centrouse no pacto de Estado contra a violencia machista

Participantes en las jornadas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Participantes nas xornadas. GONZALO GARCÍA

Máis de 150 persoas participaron este xoves na terceira convocatoria anual da Escola de Igualdade María Vinyals, que este ano se centrou no Pacto de Estado contra as violencias machistas e concentrou no Castelo de Soutomaior ás mulleres máis relevantes en igualdade do panorama galego e estatal. Na cita, organizada pola Deputación de Pontevedra, a súa presidenta, Carmela Silva, recordou ás quince mulleres asasinadas no que vai de 2018 e dedicoulles estas xornadas, a elas e "a todas as que sofren violencia física ou psicolóxica". Ademais, asegurou que o deste xoves era un "día feliz" por ver, por primeira vez, "un Consello de Ministros integrado por once mulleres e sete homes". 

Esta escola pretende ser "un lugar de reflexión, de compromiso, de debate e de coñecemento no mundo local" e, tras a inauguración por parte de Silva e a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, foi o momento da conferencia sobre a xénese, evolución, situación actual e perspectivas do pacto de Estado, a cargo de Ángeles Álvarez, militante feminista que tivo un papel crave na posta en marcha do mesmo. A pesar deste gran avance, Álvarez alertou de que "van aparecer novas resistencias, porque o verdadeiro reto é desafiar e desmantelar as estruturas de poder dos homes". 

Ao longo da súa intervención, a portavoz do Grupo Parlamentario Socialista na Comisión de Igualdade do Congreso recordou que "o 75% das mulleres que renunciaron ao procedemento de denuncia non tiñan ingresos ou eran ínfimos" e que, nos casos nos que non hai orde de protección, "a posibilidade de retirar a denuncia multiplícase por 3,6", un dato que pode resultar preocupante ao pensar que "hai xulgados que non a conceden no 90% dos casos".

A mañá continuou cunha mesa redonda de análise desde o ámbito xurídico e social na que participaron Inmaculada Montalbán Hortas, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, e Marisa Soleto Ávila, directora da Fundación Mulleres. Montalbán centrou a súa intervención en reflexións da súa actividade como xuíza e na necesidade de incorporar certas cuestións relacionadas coa formación á carreira xudicial. Ademais, reivindicou que só se pode "afrontar a violencia contra as mulleres como se afrontan as cuestións de dereitos humanos, creando políticas múltiples dirixidas á igualdade de oportunidades".

Doutra banda, recordou o arraigados que están os prexuízos na sociedade actual, como demostra unha enquisa publicada esta semana na que saíu a relucir que "o 28% dos homes cre que as violencias sobre as mulleres esaxéranse e aínda se cre que hai un estereotipo de vítima".

Nesta mesa, Marisa Sotelo asegurou que o pacto inclúe "un gran paquete de modificacións lexislativas que xa deberían estar aprobadas e non é así". Máis detalladamente, a directora da Fundación Mulleres recordou a situación dos menores, das familias das vítimas, as propias sentenzas xudiciais, cuestións de tutela aprazadas durante anos ou maltratadores que non deixan que os seus fillos reciban tratamento psicolóxico. 

A xornada continuou pola tarde cun taller a cargo da maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias Gloria Poyatos; outro de man de Yolanda García, experta en Comunicación e Xénero, e un terceiro impartido por Rosana Izquierdo, médica de Atención Primaria. Finalmente, a clausura estivo a cargo de María Paz Filgueira, maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo.

Comentarios