A feira da Lama volveu íntegra á Pedreira

A Lama recuperou o seu mercadillo con 20 postos, polbo, churrasco e gran afluencia
Un grupo de personas degustando vino en la pulpería. DP
photo_camera Un grupo de persoas degustando viño na pulpería, o posto de churrasco do mesmo recinto e dous postos da feira, onte.

No seu formato orixinal, pero con novas medidas de seguridade. Así regresou este domingo a feria da Lama ao centro do municipio, nunha Alameda da Pedreira na que se repartiron 20 postos de modo que se conseguiu manter unha separación apropiada entre os mesmos.

O Concello da Lama explicou que no ámbito da seguridade sanitaria e para dar cumprimento ás novas medidas para previr a expansión do virus, colocáronse dispensadores de xel hidroalcohólico e os tenentes de alcalde, David Carreira e Jorge Méndez, o edil Daniel Vidal, así como os responsables de Protección Civil Verdugo-Oitavén, asumiron a tarefa de repartir máscaras no recinto a todo aquel que se achegou desprovisto da protección obrigatoria en espazos públicos nos que non hai garantías de que se cumpran as distancias de seguridade.

En canto ás características do novo formato, a feira non deixou atrás a ningún ambulante dos habituais neste encontro. Os 20 postos comprendían desde a venda de plantas e elementos de xardinería, ata os de alimentación, pasando polos de roupa e textiles, e os postos de polbo,que neste caso contaron cunha carpa ampla na que degustar as tapas do rei das feiras, ou completar o menú cun churrasco asado no mesmo lugar.

Fontes do Concello da Lama indican que varios dos participantes expresaron a súa satisfacción polo alto nivel de vendas alcanzado nesta esperada reapertura. O bo tempo axudou, ademais, a que aos xa fieis compradores se sumasen grupos de veciños que aproveitaron para reencontrarse e departir. Non faltaron as colas no posto de polbo nin os establecementos que esgotaron existencias, como o posto de froita fresca.

"Moita xente veu ata a feira porque xa tiña gañas de participar nunha actividade así. Hai un ambiente común caracterizado polas gañas de que volte a normalidade canto antes. De feito vese que a xente ten gañas de volver recuperar a súa vida, con prudencia e responsabilidade", indicou o alcalde, Jorge Canda, que tamén acudiu ao evento, xunto con varios membros da Corporación.

Comentarios