Fernández-Abraldes elabora a lista coa que quere reter a Alcaldía

Os nacionalistas de Barro aprobaron o sábado a composición definitiva da súa candidatura

Abraldes, no centro, nunha foto tomada na asemblea de afiliados e simpatizantes do sábado. DP
photo_camera Abraldes, no centro, nunha foto tomada na asemblea de afiliados e simpatizantes do sábado. DP

Como estaba decidido, Xosé Manuel Fernández Abraldes será o candidato do BNG de Barro á Alcaldía deste concello. Os nacionalistas celebraron o sábado unha asemblea aberta á que acudiron máis de medio cento de persoas, e onde ademais de determinar os aspectos máis importantes do programa de goberno se escolleu por unanimidade a formación que acompañará ao candidato nas vindeiras eleccións municipais.

Abraldes destacou que «esta lista é un verdadeiro luxo, porque está formada por un equipo de mulleres e homes impresionantes. Persoas que son referencia no noso concello e que destacan pola súa capacidade de traballo, pola súa ilusión e polo seu amor a Barro».

A Abraldes parécelle que «con esta candidatura o BNG pode ofrecerlle aos veciños e veciñas un equipo de solvencia, para seguir traballando por Barro outros catro anos e que sirvan para consolidar un modelo de Goberno transparente, participativo e eficiente, co que fomos capaces de facer de Barro un concello moito mellor xestionado que o que recibimos en herdanza despois de 32 anos do PP».

A proposta, ademais, inclúe tres novidades con respecto á lista coa que o BNG conseguiu a Alcaldía e algún ascenso relevante, como o da número dous da candidatura, que será Rocío Martínez Sartal, veciña de Curro, traballadora do sector cárnico e moi vinculada ao asociacionismo cultural. O posto número tres estará ocupado polo actual concelleiro de Cultura, Roberto Rivas, veciño de Valiñas, licenciado en Historia, viticultor, cooperativista de Viña Moraima e presidente da Asociación Galega de Viticultura. O cuarto será para Amelia Cancela, veciña da Portela e concelleira de Benestar Social, Educación e Sanidade. O quinto, para Iván Bello, veciño da parroquia de Barro, filólogo, técnico da Federación Rural Galega e responsable local do BNG. O músico e colaborador de diversos colectivos culturais locais Adrián Silva, da Portela, ocupará o sexto posto. A candidatura completarase con Patricia Ayudes (7), avogada e veciña de Agudelo que se estrea na lista, como tamén o fai Xan Rey (8), profesor xubilado do IES Sánchez Cantón e veciño de Agudelo, onde foi presidente da Comunidade de Montes; Claudia Güimil (9), veciña de Perdecanai e graduada en Administración de empresas tamén concorre por primeira vez co BNG; Rosa Rodríguez (10), veciña de Barro e administrativa, e Toño Giráldez (11), concelleiro de Deportes, traballador da Seguridade Social e secretario da Comunidade de Montes de Curro pecha a lista.

Comentarios