Un final explosivo para o Armadiña Rock

A xornada grande da XI edición do Armadiña reuniu en Combarro propostas desde punkfolk até rap
Asistentes ao Armadiña, durante un dos concertos. RAFA FARIÑA
photo_camera Asistentes ao Armadiña, durante un dos concertos. RAFA FARIÑA

A xornada forte do Armadiña Rock non se fixo de rogar. O segundo día comezou ás 12.00 horas, co pasarrúas a cargo de Pinguela Terra de Montes, que durante unha hora se encargou de animar todo o recinto histórico de Combarro.

A continuación, eran os vigueses Falperrys os que inaguraban os concertos na Praza da Rualeira co punkfolk de taberna que os caracteriza, unha mistura das tradicións galega e irlandesa. Após un parón para a comida, ás 16.00 horas subiu ao mesmo escenario a DJ pontevedresa Beti de la Church, que reivindicou a figura da muller na música a través da súa escolla de temas na 'Lounge Sesion' do festival.

A partir das 17.00 horas as opcións eran varias para o público do Armadiña. Na zona de acampada, situada na Reiboa, os da Banda do Patio ofreceron o seu show. Mentres, a agrupación feminina de vento e percusión Brassica Rapa saíu por primeira vez no día polas rúas do casco histórico. Un pasarrúas que repetiron unhas horas máis tarde.

Arredor das 18.00, á Praza da Rualeira chegaron os ritmos urbanos do artista local Sote na primeira parte da 'Sesión Fresca'. Media hora despois era o turno de The Tetas'Van, que revolucionaron a praza coas súas divertidas letras cheas de reivindicación. O 'Circo na Chousa' empezou ás 19.30 horas o espectáculo circense de Patty Diphusa, no que a 'hartista contemporánea' (sic) amosou unha e mil formas de tentar chegar, literalmente, até o máis alto.

caamagno

Actuación de Familia Caamagno. RAFA FARIÑA

Sobre as 20.30 horas inauguraba o espazo de concertos a mistura de cumbia, reggaeton antimachista e punk tropical de Los Jinetes del Trópico, a banda revelación que chegou coa súa festa a Combarro após o seu paso polo Revenidas. Preto das 22.00, e catro anos despois do seu primeiro paso polo escenario do Armadiña, chegou Familia Caamagno, presentando ao público do festival o seu novo disco, 'Había que intentalo', de ritmos máis próximos ao pop.

Igual que en Bueu a comezos de mes, os bsonios Dubioza Kolektiv triunfaron na praza da Chousa

Despois tomou o relevo Triángulo de Amor Bizarro. Os boirenses presentaron tamén o seu último EP, 'El gatopardo', no que actualizan os temas das cantigas de escarnio e maldizer. Ás 01.00 horas irrumpiu no escenario Dubioza Kolektiv. Igual que no SonRías de Bueu, os balcánicos triunfaron no Armadiña, facendo bailar a todo o público de Combarro.

Pasadas as 02.30 chegou Dios Ke Te Crew, unha das citas máis esperadas da noite. Os rapeiros de Ordes levantaron á xente o festival, recordando por que son un dos referentes da música en galego. A xornada despedíuna Balkan Bomba, cuxo estilo 'Matrioska Balkalina Sound' foi o perfecto punto e final.

Comentarios