O Forno da Cal de Vilaboa, a recuperación do patrimonio industrial nacida nas aulas

Un proxecto do CPI O Toural impulsou a investigación que agora cimenta o plan de restauración do elemento
As instalacións do Forno da Cal, moi próximas á ponte de Rande. CPI O TOURAL
photo_camera As instalacións do Forno da Cal, moi próximas á ponte de Rande. CPI O TOURAL

Que Vilaboa tiña un forno de cal, unha antiga fábrica para extraer da pedra caliza a sustancia que se empregaba na construción era algo non esquecido polos moradores das súas parroquias, en especial os pertencentes ás xeneracións de máis idade, pero ao que se lle daba escasa relevancia.

O Concello vilaboés vén de anunciar que ten presentado un proxecto valorado en 120.000 euros para financiar con fondos do Proder a restauración e posta en valor deste elemento, actualmente sepultado por silvas e maleza, ao pé da ponte de Rande. Unha vez feita a parte física, o Concello tamén ten previsto colocar paneis para promover turísticamente o reclamo.

Máis alá de que este forno sexa o elo perfecto para entender a relación do litoral de Vilaboa co seu desenvolvemento industrial no pasado (do que os grandes exemplos son este forno, o máis antigo muíño de mareas e Salinas do Ulló e o recente e veciño complexo de Pontesa), é unha contrución de gran valor patrimonial. Algo que é sinxelo de repetir pero cuxa explicación se pode argumentar a día de hoxe grazas ao traballo dos e das alumnas do CPI O Toural, que en 2017, tras redescobrir por casualidade a presenza do forno, comenzaron a integrar nos seus traballos por proxectos a investigación sobre o mesmo.

Existen oito fichas que documentan o forno, a súa existencia e que ata recollen o testemuño de traballadoras do mesmo

A orientadora do CPI, Cristina García Piñeiro, sinala a todo o equipo docente "que foi collendo o relevo, por departamentos, nas distintas facetas desta investigación" como responsable deste traballo. Todo empezou un bo día no que unha práctica de laboratorio (para extraer cal de pedra caliza) fixo que os alumnos lembrasen este forno. Pouco despois, a nai dunha das estudantes, María José Ruíz Vázquez, -que é conservadora do Museo Etnográfico de Ribadavia-, estableceu contacto co centro para interesarse polo forno do que falara a súa filla. Tras visitalo, puxo de relevo o valor desta construción "e foi o motor do traballo que nós desenvolvemos", explicou a orientadora do centro.

Cada ano, desde 2017, distintos grupos analizan cuestións relativas ao forno da cal, e desde entón, co traballo recompilado, fan fichas informativas. Moito do que xa teñen elaborado custódiase, precisamente, no Museo Etnográfico de Ribadavia porque acadou un valor que vai máis alá do aprendizado normal nunha programación escolar.

"O que fixemos foi escoller, ano a ano, preguntas que debiamos respostar no proceso investigador sobre o forno", resume a mestra, que insiste no valor coral do traballo colectivo e interdisciplinar, desenvolto dentro dos proxectos avalados pola Consellería de Educación.

undefined

Os mestres dos distintos departamentos, coa colaboración do Museo Etnográfico, coordinaron o traballo dos e das estudantes

Actualmente, indica, existen xa oito fichas sobre o forno da cal e cada unha, ademais, está compilada xa nunha lona en gran formato cos que se está describindo gráficamente o proceso. Ata o de agora, os e as alumnas trataron de descubrir, coa axuda do profesorado, a historia do seu forno, mediante a observación da construción existente, a recopilación da memoria que pervive sobre a mesma, e a investigación da súa presenza documental, na prensa e noutros escritos. Hai varios elementos sorprendentes no resultado do traballo do centro, pero, deles, o que máis valor ten, se cabe, e o da recopilación dos testemuños de persoas que traballaron no forno, posto que aínda perviven algunhas das últimas xeracións que se encargaron de mantelo.

Que era o forno, cando funcionou, como e para que se construíu e quen traballaba nel son parte das respostas que obtiveron xa os estudantes e que están plasmadas nas fichas. A partir de aí, e como a listaxe de cuestións non se rematou, os alumnos e alumnas seguiron traballando e este ano centráronse en coñecer o funcionamento de outros fornos (tiveron varias conferencias virtuais con Manuel Gil Ortiz, responsable do Museo de Cal de Morón de la Frontera) e dos usos da cal. Un deles é a decoración das casas, extendida na Ribeira Sacra. De feito, a mostra da antropóloga monfortina Mar López Sotelo, con imaxes de ducias de exemplo destes esgrafiados, é un dos recursos que se poden visitar no centro.

Xa teñen testemuños, fotos e datos e o seu traballo sigue buscando a raíz do nacemento do forno. Falta por descobrir por que estaba en Vilaboa e de onde viñan os materiais que o abastecían, mentres, o novo proxecto da súa recuperación nace dos cimentos do coñecemento recuperado polos nenos e nenas.

Proxecto á inversa: do coñecemento á restauración
O plan de traballo, comandado polo Museo Etnolóxico, obedece á vontade de "ofrecer unha resposta distinta" ás que habitualmente lle dan as institucións á recuperación do patrimonio. Así, lonxe de ir da restauración á divulgación, neste caso andouse o camiño inverso: primeiro nenos, mestres e veciñanza, traballaron en recuperar a súa memoria e entendelo e desde esa labor, procederase á súa recuperación e posta en valor. Así o explican o CPI O Toural e o Museo Etnográfico na descripción deste proxecto no que participaron os departamentos de Bioloxía, Xeoloxía, Historia, Física e Química e Plástica, ademais do museo, e tamén o Concello.

Comentarios