O histórico Pepe Solla terá unha placa na Rúa do Adro, en San Salvador, este mes

O Concello adicaralle unha homenaxe a título póstumo o día 22, que tivo que ser posposta a causa da covid-19
José González Solla 'Pepe Solla', homenaxeado a título póstumo, a carón do seu fillo, o tamén chef Pepe Solla. DP
photo_camera José González Solla 'Pepe Solla', homenaxeado a título póstumo, a carón do seu fillo, o tamén chef Pepe Solla. DP

O Concello de Poio acaba de anunciar a data definitiva na que terá lugar o acto de homenaxe póstuma ao histórico chef José González Solla, coñecido como Pepe Solla, e fundador de Casa Solla, que faleceu en xaneiro de 2020. Será o 22 de abril ao aire libre na Rúa do Adro, na súa parroquia natal, San Salvador, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan. Así o confirmou a titular do departamento de Memoria Histórica, a nacionalista Marga Caldas, cuxa concellería foi a encargada de tramitar a proposta que xa foi aprobada no Pleno ordinario do pasado mes de outubro, contando co respaldo unánime de todos os grupos da Corporación.

Xa no momento da súa aprobación plenaria, o Goberno municipal adiantou a súa intención de proceder á colocación dunha placa conmemorativa na Rúa do Adro, moi preto da vivenda do chef e do restaurante Casa Solla, cando a covid-19 dese un respiro. O emprazamento, elixido tendo en conta tamén os desexos da familia, serve para poñer en valor "un lugar no que Pepe desenvolveu boa parte da súa traxectoria vital e profesional, inaugurando un negocio que desde hai décadas xa é un referente da nosa gastronomía a nivel galego e nacional", subliñou a concelleira de Memoria Histórica.

A edil explicou que "gustaríanos ter celebrado este acto moito antes, pero entendemos que era preciso agardar a que a situación sanitaria mellorase o suficiente para poder desenvolvelo con todas as garantías". Neste sentido, garantiu que se cumprirán todas as medidas de distanciamento correspondentes e expresou o seu agradecemento á familia de Pepe Solla "tanto pola súa comprensión como pola súa implicación desde que iniciamos os trámites para poder realizar a homenaxe que merece o que, sen dúbida, é un dos grandes persoeiros históricos do noso municipio". 

A homenaxe fora anunciada polo Concello a principios de 2020, pouco despois do pasamento de Solla. A Xunta de Goberno Local aprobou a tramitación para poñer en marcha o acto, que tivo que frear en seco pola pandemia, polo que non puido ser aprobado ata outubro. 

Un chef recoñecido e orgulloso poiense
Dende o Concello de Poio destacan a González Solla como "unha figura importante e determinante dentro da restauración e da propia historia do noso municipio, e que sempre luciu con orgullo as súas raíces poienses", polo que, aseguraron, "ben merece esta homenaxe".
Ademais da fundación de Casa Solla, que foi o primeiro restaurante de Galicia en acadar a primeira Estrela Michelin (1980), entre os méritos de González Solla inclúense a obtención da Medalla ao Traballo da Asociación de Traballadores de Hostalería de Vigo e ter sido membro distinguido do Club de Leóns e da Peña da Boina. A maiores, presidiu a Asociación Amigos da Cociña Galega, foi distinguido co Premio Pontevedreses do Ano na categoría de Economía e foi recoñecido co Premio Amigos de Pontevedra.

Comentarios