Homenaxe ás mulleres no Día da Matria en Poio

Os Xardíns de Rosalía de Castro acolleron este mércores as celebracións, logo de seren aprazadas por mor do mal tempo da semana pasada
Marga Caldas xunto a membros d'A Banda da Loba no inicio do evento. GONZALO GARCÍA
photo_camera Marga Caldas xunto a membros d'A Banda da Loba no inicio do evento. GONZALO GARCÍA

A mala climatoloxía do pasado venres 23 de xullo impediu a celebración do Día da Matria no concello de Poio. Por esta razón, a cita pospúxose e programouse para este mércores, ás 21.00 horas nos Xardíns de Rosalía de Castro.

O acto mantivo o mesmo formato e iniciouse co tradicional acto institucional. no que se deu paso á actuación do grupo A Banda da Loba, composto por cinco mulleres galegas.

Á par, no evento interviron tres compoñentes desta formación musical, Andrea Porto, Marcela Porto e Xiana Lastra, en compañía da edil de Memoria Histórica, Marga Caldas, que, coa súa participación, reinvindicaron o papel da muller dentro do ámbito cultural galego.

Tamén tivo lugar a famosa entrega de bandeiras. Solicitáronse un total de 50 bandeiras, de xeito que a deste ano se converteu, como salientou Marga Caldas, nunha das edicións nas que "máis xente se inscribiu". Porén, debido ao traslado do acto, moita xente foi recollela o venres pasado ao Concello, aínda que si se fixo efectiva a entrega a aquelas persoas que estaban pendentes de recollela e que puideron asistir á cita. Ademais, fíxose entrega das bandeiras ás asociacións de nova creación que confirmaron a súa asistencia.

Unha vez rematado o acto, foi a quenda da Banda da Ecsola de Música de Poio, que amenizou o encontro coa interpretación do himno galego e, posteriormente, deuse paso á Banda da Loba.

O protocolo a seguir para o desenvolvemento da actividade non mudou con respecto ao ano anterior. O aforo deu cabida a un máximo de 100 persoas. Así, as medidas sanitarias foron similares, centradas no uso de xel hidroalcohólico e no emprego de máscara. Non obstante, este ano levouse a cabo un rexistro na entrada, cando na edición pasada só había un control ao acceso. Unha medida "máis exhaustiva" que se está a impor en todos os eventos programados dentro do municipio.

Dende o Concello afirman que cada ano o que pretenden con este evento "é traer a bandas galegas para poñer en valor a nosa identidade", así como tamén centran o seu interese en que se traten de "bandas ou solistas mulleres para contar un pouco a perspectiva, identidade, cultura e país", os grandes selos sobre os que versou a charla de este mércores.

Coa celebración do Día da Matria o municipio quere "lembrar o papel da muller e incluso tamén a figura de todas aquelas que formaron parte da nosa historia e que moitas veces quedaron invisivilizadas". Unha conmemoración que cada ano contribúe a "ter unha lembranza de todas elas", tal e como sinalou a conselleira Marga Caldas.

Comentarios