O Idae concede máis de 250.000 euros a Poio para a reforma do núcleo do Xuviño

O proxecto para Combarro, de gran relevancia na axenda do Goberno local, suporá 313.000 euros
en total, dos que asumirá o 20% xa contemplado no Orzamento
Membros do PSdeG de Poio visitaron a zona nas últimas horas. PSDEG POIO
photo_camera Membros do PSdeG de Poio visitaron a zona nas últimas horas. PSDEG POIO

A reforma do núcleo do Xuviño, na parroquia de Combarro, xa ten financiación. O Concello de Poio acaba de recibir unha subvención por parte do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE), que ascende a máis de 250.000 euros e que se utilizará, tal e como aseguraron dende o Goberno local, para levar a cabo un proxecto de humanización e rehabilitación integral no Xuviño. O concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, explicou que o investimento previsto nesta actuación ascende aos 313.000 euros en total, dos que o Concello asumirá o 20% (62.000 euros), que xa estaban contemplados no Orzamento do presente exercicio.

O proxecto que se pretende acometer no Xuviño estará marcado polas directrices do Plan de Mobilidade Sostible que aprobou o Goberno local no ano 2019, e que aposta por dotar a este tipo de núcleos de espazos nos que os peóns cobren maior protagonismo, en detrimento do tráfico rodado. Tal e como afirmou Agís, o Goberno local busca "aumentar a seguridade" e, ademais, reducir de "xeito drástico" a pegada do monóxido de carbono. Dende a Concellería tamén aclararon que o traballo respectará "o contexto arquitectónico" deste emprazamento, xa que se atopa situado nas aforas do núcleo histórico de Combarro, e destaca polo seu valor tradicional. A obtención da axuda para facer realidade o proxecto foi xestionada a través da Concellería de Promoción Económica , dirixida polo socialista Gregorio Agís. Trátase de fondos tramitados directamente dende o departamento municipal, tal e como sucedeu con outras achegas obtidas ao longo dos últimos dous anos.

XUNTANZA. Agís anunciou tamén a súa intención de reunirse coa veciñanza da zona para darlles a coñecer os detalles do proxecto que, explicou, aínda está pendente de ser redactado. Ademais, o edil mostrou a súa dispoñibilidade de recoller posibles propostas e achegas que realicen os e as residentes, co obxectivo de afinar a redacción do proxecto, tendo en conta as necesidades da veciñanza.

Sen embargo, a memoria elaborada polo departamento de Urbanismo xa contempla diferentes medidas, como a habilitación dunha plataforma única adoquinada que se estenderá ao longo dos 700 metros de superficie nos que se executarán as obras. A actuación inclúe tamén a dotación dunha rede de pluviais e a limitación do acceso de vehículos á zona só para residentes, polo que os peóns apenas terían que convivir co tráfico.

"Buscamos fomentar unha mellora da calidade de vida e da seguridade, impulsando tamén traballos para respectar a contorna singular arquitectónica do Xuviño e mellorando a accesibilidade", explicou o edil de Promoción Económica, que confía en que, coa obtención desta financiación, e unha vez se redacte e licite o proxecto, as obras poidan estar rematadas ao longo do último trimestre de 2022.

Ximnasio, pavillón e casa Consistorial
Non é a primeira vez que o Goberno local acada unha subvención con fins sostibles coma a que agora permitirá dar resposta ao grande obxectivo de reformar o núcleo do Xuviño. A mellora do ximnasio e o pavillón municipal, así como a cuberta da Casa Consistorial foron posibles grazas á obtención de máis de 500.000 euros acadados a través do IDAE, a través da liña que forma parte do marco do Programa Operativo Feder de crecemento sostible 2014-2020, pensada para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono, como é o caso do Concello de Poio.

Comentarios