Idioma, muller e A Banda da Loba, os tres ingredientes do Día da Matria de Poio

A cita, "un referente dentro dá programación de verán" do municipio, levarase a cabo ou vindeiro venres co tradicional acto institucional, a entrega de bandeiras á veciñanza e a actuación musical
Raquel Rodríguez, Marga Caldas e Xosé Luís Martínez na presentación. ALBA MOLEDO UCHA
photo_camera Raquel Rodríguez, Marga Caldas e Xosé Luís Martínez na presentación. ALBA MOLEDO UCHA

O Día da Matria, nome que xa quedou instaurado no concello de Poio para celebrar a previa ao 25 de xullo, volverá brillar este ano. Farao durante a tarde do vindeiro venres, día 23, no parque Rosalía de Castro, unha ubicación que se mantén co obxectivo de enxalzar un espazo que "rende homenaxe a unha muller". Así o explicou este luns a edil de Memoria Histórica, Marga Caldas, quen tamén desvelou o nome das artistas que porán música este ano ao acto institucional: A Banda da Loba.

Caldas, acompañada do edil de Festexos, Xosé Luis Martínez, e da concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, explicou que dúas das integrantes da banda, Andrea e Uxía, participarán no acto institucional –20.30 horas–, ao que seguirá a tradicional entrega de bandeiras –21.00 horas– e posterior actuación musical –21.30 horas–.

Contar con "grupos en galego" nun día "referente dentro da programación de verán do concello de Poio" é unha das máximas que cada ano se mantén presente na axenda festiva poiense e, en particular, "na conmemoración do día de Galiza, da lingua galega, e dos nosos dereitos", afirmou a edil de Memoria Histórica. Neste sentido, o "papel da muller" é chave á hora de enxalzar esta data tan sinalada no municipio e en toda a comunidade. Por este motivo, a elección de A Banda da Loba para protagonizar a xornada non é unha casualidade. Nin tampouco a presentación dos actos coa súa propia cartelería. "Esta programación entra dentro da do verán, pero queremos darlle un papel significativo polo que conleva", aclarou Caldas.

Precisamente, dentro destes actos, asegurou a edil de Memoria Histórica, faise necesario "continuar apostando pola cultura. Cada ano traemos diferentes grupos en galego, porque entendemos que, ademais ,estamos nun momento chave para promocionar a nosa cultura e darlle dinamismo a un sector que leva moito tempo parado e que ten que traballar".

PROTOCOLO. O formato do acto non defirirá do ano anterior, e conservará as mesmas medidas en canto a seguridade e control de aforo. "Este ano estamos peor a nivel de contaxios, aínda que mellor a nivel de inmunización", valorou a tamén edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, con respecto ás medidas que se levarán a cabo durante a xornada conmemorativa do Día da Matria. Neste sentido, insistiu en que aquelas persoas interesadas en que se lles entregue a súa correspondente bandeira contacten co Concello por teléfono –986 77 00 01– ou en [email protected] para solicitala.

Durante todo o acto, e moi especialmente durante a celebración do concerto, respectaranse "ao máximo" as medidas sanitarias, co mesmo criterio que o Concello vén aplicando no resto dos eventos culturais da súa programación de verán. O aforo estará limitado a 100 persoas e tomaranse os datos á chegada dos asistentes. "Estamos facendo protocolos covid moi exhaustivos, con distancia de seguridade, e nas entradas contrólanse os rexistros de todas as persoas", garantiu Caldas. "O que pretendemos é demostrarlle á xente que se pode gozar da cultura dunha maneira segura, sen ningún tipo de problema que poida supoñer un contaxio", engadiu.

Ademais, a elección do lugar para a celebración do acto dá continuidade á aposta do Concello de Poio dende o comezo da pandemia por "diversificar os espazos de celebración no municipio" e, ao igual que o resto da programación de verán, levarase a cabo ao aire libre.

Comentarios