O IES de Poio rodéase de arte pola igualdade

Alumnos do centro crearon un grafitti de 25 metros contra a violencia machista

Rosa Fernández, que foi concelleira de área no anterior mandato, na visita ao centro. DP
photo_camera Rosa Fernández, que foi concelleira de área no anterior mandato, na visita ao centro. DP

O IES de POIO continúa coas accións da campaña de prevención e sensibilización para erradicar a violencia contra as mulleres.

Unha das propostas que os alumnos e as alumnas deste centro veñen de culminar con éxito é a realización dun graffiti que o alumnado dos cursos de terceiro e cuarto da ESO do IES de Poio realizaron sobre un muro emprazado na entrada ao centro. O mural fai referencia á violencia contra as mulleres en clave positiva.

Para poder realizar esta actividade, os estudantes participaron nunha xornada de orientación con Susana Ferradás Otero, unha das profesoras do Departamento de Artes Plásticas do centro. Ademais, o alumnado traballou na realización de diferentes bocetos, de creación propia, sobre esta temática e, finalmente, unha vez escollido o traballo a desenvolver, os autores, coa olaboración de Noemí Núñez, licenciada en Belas Artes, déronlle forma a esas ideas orixinais sobre unha superficie que pertence ao centro educativo e da que se pintaron uns 25 metros de longo coa técnica do graffiti .

Rosa Fernández, concelleira de Igualdade no anterior mandato, visitou este mural e felicitou aos autores polo gran resultado.

A actividade forma parte dunha campaña promovida polo concello de Poio a través da Concellería de Igualdade e está financiada polo Pacto de Estado e o Ministerio da Presidencia,Relacións e Igualdade, dentro das áreas destinadas á sensibilización e educación para previr a violencia de xénero.

ALBARDEIROS. A actividade non foi a única que se veu desenvolvendo no IES de Poio no último trimestre do curso. Así, o centro acollerá mañá a última xornada do terceiro obradoiro de oficios tradicionais que acolle o centro. O taller comezou na tarde deste luns e desenvolverase tamén o mércores desde as 9.00 ata as 14.30 horas. Nesta ocasión, os alumnos e alumnas, un total de 91 participantes de segundo curso da ESO, abordan os coñecementos do oficio de albardeiro, ou traballador do coiro.

Os alumnos e alumnas coñecerán os materiais e un pouco do papel tradicional deste traballo antes de iniciar o obradoiro práctico, co que se realizará un pequeno obxecto de coiro. A actividade forma parte tamén das propostas desenvoltas entre o centro e o Concello, a cargo da área de Mocidade que tamén levou Rosa Fernández.

Comentarios