A illa de Tambo xa se poderá visitar a partir do vindeiro mes de maio

Gregorio Agís estimou un periodo de entre cinco e seis anos para completar o proceso de traspaso, se ben a principios de 2022 xestionará a illa  Solicitarán a calificación de ENIL
Casal de Ferreiros Rolda de prensa de Gregorio Agis sobre TAMBO co xefe da Area de Patrimonio da Subdelegacion de Defensa en Pontevedra o capitan de fragata Pedro Donato Diez Garcia
photo_camera O edil de Promoción Económica presentou o prego acompañado polo xefe de Patrimonio. JAVIER CERVERA- MERCADILLO

"Un proceso longo e custoso", cuxa idea comezou xa hai décadas, e que culmina agora. Así de relevante é para o municipio de Poio o peche do acordo entre o Concello e o Ministerio de Defensa para o traspaso da illa de Tambo sobre a que, tal e como adiantara este medio a principios deste mes, o Concello asumirá plenas competencias nos vindeiros meses a partir dun réxime de concesión demanial, polo que a illa xa se poderá visitar aproximadamente no mes de maio.

Esta concesión terá unha duración de 25 anos, con posibilidade de prórroga ata os 75, se ben o edil de Promoción Económica, Gregorio Agís, quen estivo á fronte das xestións co Ministerio de Defensa, estimou un periodo de entre cinco e seis anos para completar o proceso de traspaso da titularidade definitiva, polo que Tambo pasaría a ser, xa a todos os efectos, propiedade do Concello de Poio entre 2026 e 2027.

Agís realizou este martes a presentación oficial dos detalles do prego de condicións no Casal de Ferreirós, acompañado polo xefe da Área de Patrimonio da Subdelegación de Defensa en Pontevedra, Pedro Donato Díez García, a quen expresou o seu agradecemento pola "predisposición e espírito colaborativo" do ente estatal, que "resultou indispensable para que hoxe presentemos un documento que supón un fito histórico para Poio", ao igual que a Miguel Cortés, subdelegado de Defensa, así como á Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

A figura legal de concesión demanial especifica que Poio poderá comezar a xestionar a illa a partir do 1 de marzo de 2022 e, unha vez que entre en vigor, comenzaranse a programar actuacións de limpeza e conservación, ademais da organización de visitas, para «dar a coñecer unha paraxe emblemática desde o punto de vista histórico e patrimonial» e "cun importante atractivo turístico".

Os labores de posta a punto, tal e como informou Agís, son os motivos polos cales a apertura ao público da illa se retrasará apenas entre mes e medio ou dous meses ata maio, xa que será necesario acondicionar varios elementos do territorio para permitir o acceso ao público con seguridade.

"GRATIS". O acordo con Defensa establece un canon de 25.000 euros anuais, do que se deducirán os investimentos para as labores de posta a punto, coidado e mantemento de Tambo.

Neste sentido, o Concello de Poio será o encargado de velar polo mantemento, a limpeza e a vixía da illa, polo que, tendo en conta esa circunstancia, "na práctica é unha cesión gratuita", asegurou Agís.

O edil de Promoción Económica e Urbanismo destacou que o prego de condicións inclúe cuestións coma o uso específico deste espazo para fins culturais, sociais, educativos ou medio ambientais. "Non imos permitir ningún tipo de especulación urbanística en Tambo", afirmou, lembrando que o feito de que a illa estivese nas mans de defensa foi "o que permitiu que chegue case intacta aos nosos días", e que "sobrevivise á especulación da década dos 70".

O Concello contará co visto bo para a dotación de elementos móbiles e modulares de edificios temporais, así como para a instalación de valado e sinalización.

VISITAS. Unha vez que se faga efectivo o traspaso de competencias, o concello acometerá labores de desbroce e acondicionamento para abrir a illa.

Sen embargo, a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo solicitará que Tambo pase a ser definida como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), petición que se lle trasladará á Xunta de Galicia.

Ademais, traballarase na elaboración dun Plan de Usos, que se redactará "buscando o consenso cos colectivos que forman parte da Comisión de Seguimento de Tambo". Deste xeito, Agís confirmou que nos últimos días enviouse a todas estas asociacións unha carta na que se lles traslada a intención de convocar a comisión a principios de 2022 para abordar este tema.

As visitas faranse de xeito regulado, cun modelo de control de aforo aínda por definir, que comezará con excursións con grupos reducidos. Aínda que, segundo Agís, permitirase o paso á illa a embarcacións particulares, para acceder a ela será necesario solicitar un permiso.

Elementos cos que conta a Illa de Tambo
A Illa de Tambo conta cunha superficie que rolda os 240.000 metros cadrados, nos que se poden atopar emprazamentos, restos arqueolóxicos e estruturas "dun incalculable valor arquitectónico e histórico", que demostran a importancia que tivo esta illa, situada en pleno corazón da ría da Pontevedra, ao longo da historia, tal e como lembrou Agís. Deste xeito, ao Concello quédalle por diante un intenso traballo de recuperación.

Praias

Tambo conta con dúas praias: Area da Illa (300 metros) e Adreira (20 metros), nas que o Concello proxecta acometer a súa recuperación ambiental, dunar e preservar os fondos mariños.

Peirao de Adreira

Bo estado de conservación, con 350 metros cadrados.

Faro de Tenlo

35 metros de altura e torre de 17 metros, en bo estado.

Fonte de San Miguel

Co depósito, conta con 20 metros cadrados, nun estado de deterioro.

Edificacións auxiliares

Fonda, almacén e custoria en mal estado.

Cantina

Edificación deteriorada de 42 metros cadrados, da época de Defensa.

Capela de San Miguel

Data de 1749, e os seus 77 metros atópanse en estado de ruína.

Lazareto

Ano 1866, en estado de ruína, e cunha superficie de 907 e 240 metros cadrados.

Polvorín

Bo estado e múltiples posibilidades.

Residencia de oficiais

Mal estado e 289 metros cadrados

Comentarios