O incremento na matrícula obriga a abrir unha das aulas da Galiña Azul de Tenorio

Foi necesaria a incorporación dun novo educador para abrir a quinta unidade
Los pequeños del centro, en la zona de comedor, este lunes. DP
photo_camera Os pequenos do centro de Tenorio, na zona de comedor, este luns. DP

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitaron este luns a Escola Infantil A Galiña Azul de Tenorio, na que a Xunta de Galicia acaba de abrir unha nova unidade, para pasar de catro a cinco.

Esta escola, que conta cunha oferta máxima de 74 prazas, acaba de matricular a 53 nenas e nenos, coas altas do período extraordinario de matrícula, no que se inscribiron 10 pequenos.

O xerente do Consorcio destacou que esta decena de novos alumnos e alumnas permite que, por primeira vez nos últimos anos, será necesario acudir á quinta unidade deste centro de Tenorio. Os novos matriculados incorpóranse á escola a partir desta semana.

Perfecto Rodríguez destacou o esforzo da Xunta por garantir un recurso de conciliación a todas as familias que o necesiten. Informou ademais de que para a apertura desta unidade foi necesaria a incorporación dun novo educador á escola infantil, o cal se sumou ao cadro de persoal existente de tres mestras, cinco educadoras e unha persoa responsable de servizos xerais.

O Concello de Cerdedo-Cotobade, desde a súa fusión, conta con dúas escolas infantís pertencentes á rede A Galiña Azul: a de Tenorio con 74 prazas, das que se cubriron 53, e a de Cerdedo con 30 prazas. Precisamente, nesta última tamén se viu incrementada a matrícula no período extraordinario, posto que se deron de alta tres menores máis.

As dúas escolas suman 104 prazas, o que permite que este municipio se sitúe entre os que superan amplamente o cociente de cobertura recomendada pola Unión Europea (33%), xa que a media actual é do 77% de cobertura.

Comentarios