Intervención desbota a impugnación do PP contra as bonificacións do IBI e a viñeta

O informe aclara que non se necesita un estudo técnico-económico para os impostos ►O Pleno abordará as alegacións
Imagen del núcleo poiense de Campelo. RAFA FARIÑA
photo_camera Imagen del núcleo poiense de Campelo. RAFA FARIÑA
O departamento de Intervención do Concello de Poio vén de informar que procede desestimar a solicitude de impugnación presentada polo Partido Popular contra as bonificacións impulsadas polo Goberno local que se aplicarán, a partir de 2022, nos recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM). Cómpre lembrar que estas modificacións foron aprobadas no Pleno ordinario do pasado mes de decembro, grazas aos votos a favor do BNG, PSOE e Avante Poio.

O informe elaborado pola interventora municipal, e que foi emitido o pasado 16 de febreiro, desbota os argumentos presentados polo PP, en cuxo escrito se afirmaba que os expedientes correspondentes á aprobación destas bonificacións estaban incompletos, ao non contar cun documento que, segundo o grupo da oposición, "é esencial e imprescindible para a modificación das devantidas ordenanzas: o estudo técnico-económico". Sen embargo, o servizo de Intervención deixa claro que a argumentación esgrimida polo Partido Popular é "incorrecta". "Neste caso, non ten cabida a incorporación dun estudo técnico-económico xustificativo do custo dos servizos ou actividades realizados, xa que os impostos non se establecen por prestación de servizos ou realización de actividades, como, sen embargo, si que ocorre no caso das taxas ou prezos públicos", di. Isto significa que, no caso de impostos, "non é necesario acreditar o equilibrio entre o custo do tributo e o seu rendemento".

O informe elaborado por Intervención tampouco da por bo o argumento do PP que fai referencia a unha sentencia xudicial para defender a súa postura. Segundo reza o informe do departamento municipal, esa resolución trata da impugnación dun expediente dunha ordenanza fiscal reguladora dunha taxa, pero non é extrapolable ás bonificacións aprobadas no Pleno de decembro, porque se refiren a impostos e non a taxas.

O Goberno local de Poio non ocultou a súa sorpresa polo feito de que o Partido Popular "sexa quen de presentar unha impugnación sen distinguir as diferencias entre unha taxa e un imposto", algo que, valorou, "é impropio dunha oposición seria". Neste sentido, os dirixentes municipais verteron duras valoracións sobre "o proceder dos populares", que "responde a pura ignorancia ou se, polo contrario, o seu afán por provocar ruído, enredar e confundir á cidadanía lles leva a presentar impugnacións sendo perfectamente conscientes de que os argumentos non teñen razón de ser", dixeron.

O tripartito poiense tamén criticou que "cando fixo pública esta impugnación, días despois do Pleno, o señor Moldes falaba de que o proceder do tripartito era un exemplo de improvisación. Preguntámonos agora que pensará a veciñanza cando ve que un grupo da Corporación non é quen de distinguir entre taxas e impostos", recalca o equipo de Goberno, que tachou de "desesperación" a impugnación do PP de Poio. Nesta liña, o tripartito acusou ao PP de pretender "consolidar unha mentira, como é falar de suba de impostos, cando o que aprobamos son bonificacións baseadas en reaxustes moi concretos que se aplicarán nos recibos do IBI e da viñeta a partires de 2022"

A aprobación definitiva destas bonificacións, logo da emisión do informe de Intervención, será este martes nun Pleno extraordinario, no que, ademais disto, tamén se abordarán as alegacións presentadas contra a aprobación inicial do Orzamento de 2021.

Cambios. Bonificacións e subidas para 2022
Aplicarase unha rebaixa do 50% do IBI a aquelas familias numerosas que presenten unha declaración da renda anual que non supere os 30.000 euros. Tamén haberá un incremento do 25%, que só se aplicará a vivendas baleiras, quedando exentas as arrendadas ou que conten con xente empadroada nese enderezo. Haberá tamén bonificacións para vivendas que fosen construídas antes do ano 2007 que non conten con elementos e sistemas que garantan o aforro enerxético, pero que se contemple o a súa instalación, e tamén se teñen en conta reducións nos recibos para empresas agrarias.

A maiores, o Goberno municipal aposta por incentivar o uso de vehículos que sexan respectuosos co medio ambiente coa redución do 50% no imposto de vehículos para os e as propietarias de automóbiles híbridos. Quen conte cun vehículo 100% eléctrico quedará exento de pagar este recibo, mentres que para o resto de vehículos contémplase un incremento do 10% que, na maioría dos casos, suporá unha suba que "oscilará entre os 3,8 e os 5 euros anuais".

Comentarios