Intervéñenlle a unha exmariscadora máis dun quilo de ameixa extraída furtivamente en Poio

A muller, que se negou a identificarse ante a Policía, facíase pasar por bañista para facerse co produto na praia de Campelo

Marisco incautado. POLICÍA LOCAL DE POIO
photo_camera Marisco incautado. POLICÍA LOCAL DE POIO

A Policía Local de Poio identificou este sábado a unha muller que portaba un kilo e medio de ameixa no interior dun bolso na praia de Campelo. 

O Servizo de Gardapescas da Confraría de Pescadores de San Telmo foi que solicitou colaboración tras detectar a muller recollendo presuntamente o produto de forma ilegal no areal, facéndose pasar por bañista. 

Cando se percatou da presenza policial, comezou a desfacerse dalgunha ameixa recollida. Os axentes solicitáronlle que se identificase e ensinase as súas pertenzas, ante o que a muller se negou mostrando "unha actitude pouco colaborativa". 

Procedeuse a intervención de un kilo e medio de ameixa no interior do bolso que agochaba preto da hamaca e outras pertenzas. A pesar da negativa, explica a Policía Local, a identificación logrouse xa que nas súas pertenzas apareceu o seu DNI.

Tras informarlle das infraccións que se tramitarán, a presunta autora manifestou que é coñecedora das sancións xa que foi mariscadora.

Por todo isto, a Policía tramitou unha denuncia por furtivismo a Consellería do Mar da Xunta de Galicia e outra por negativa a identificarse e por non acatar as ordes dos axentes de policía perante a Subdelegación do Goberno.
 

Comentarios