Investigan a un mozo de 19 anos por malos tratos animais en Poio

O informe veterinario do can revela un estado de saúde crítico causado polas feridas que lle produciron os carrachos

A Policía Local de Poio investiga a un mozo de 19 anos por presuntos malos tratos e abandono animal ao seu can, que ademais pertence a unha raza potencialmente perigosa. 

can

Durante o pasado mes de maio, unha voluntaria que traballa na Canceira de Poio fixo saltalas alarmas sobre a desatención que sufría o animal en mans do  veciño do municipio poiense, que mostraba unha cantidade inxente de parasitos no seu corpo ademais dunha importante delgadez para un can da súa raza. 

Tras a denuncia, o animal foi trasladado de urxencia a un centro veterinario para que se lle realizase unha observación e se lle fornecese un tratamento adecuado para intentar salvalo, xa que se atopaba nun estado bastante crítico e de non intervir con inmediatez non conseguise sobrevivir.  

O informe redactado polo veterinario que atendeu ao can recolle que o estado de parasitación e abandono que sofre é bastante grave, xa que ten centos de carrachos distribuídos por toda a superficie corporal e incluso por dentro das orellas, o que provoca un gran problema de saúde para o animal e para as persoas que se atopan na súa contorna, debido á gran posibilidade de contaxio de enfermidades infecciosas de transmisión vectorial que poden portar este tipo de parasitos.

Comentarios