Jorge Cubela: "Co lume quérennos meter en guerra e isto é intolerable"

Cerdedo-Cotobade rexistrou dez incendios entre as 21.00 do luns e as 15.30 do martes. Tres dos lumes declaráronse nun lapso de dez minutos 
javi incendio en almofrey
photo_camera Os medios da Xunta refrescando o último incendio do día, en Borela, o martes. J. CERVERA-MERCADILLO

O Concello Cerdedo-Cotobade, a Consellería de Medio Rural e as autoridades forestais buscan á persoa ou persoas responsables da situación que se está vivindo en Cerdedo-Cotobade este verán, no que por segunda vez en menos dun mes, a mesma franxa de territorio (o eixo que vai de Viascón a Carballedo, pasando por Tenorio, Almofrei e Borela) é obxecto dunha feroz actividade incendiaria concentrada nun lapso moi curto de tempo.

Se, fai 15 días, entre Viascón e Almofrei rexistráronse nove intentos de incendio nun día, nesta ocasión no lapso de 18 horas, entre a noite do luns e a tarde do martes, acumuláronse dez lumes, tres deles declarados con 10 minutos de diferenza. A pronta intervención dos efectivos locais (cinco voluntarios de Protección Civil coa súa pick-up e dúas cuadrillas de operarios), así como a actuación dun amplo dispositivo de Medio Rural, evitou a propagación de todos os conatos. Ningún deles chegou a alcanzar a hectárea de monte ardido e só un alcanzou a media hectárea.

A pesar diso, a disposición dos lumes (demasiado separados para supor que se chegasen a estender pola propagación de brasas e restrollos por culpa do vento) e a proximidade temporal entre eles fan pensar que se trata dunha acción provocada. Segundo o alcalde, Jorje Cubela, "provocada coa peor intención".

O rexedor condenou onte novamente os feitos, non sen antes explicar que "por sorte, os nosos medios puideron chegar con tempo a case todos vos puntos e non temos que lamentar danos, pero está moi claro que co lume quérennos meter en guerra e iso é intolerable. Ao igual que ou outro día, vese que pretenden a propagación dun gran incendio con todos eses focos", concluíu, sinalando á súa vez que son incendios que poderían chegar a alcanzar zonas habitadas, en caso de atoparse dificultades na súa extinción.

O alcalde mostrou o seu alivio, logo de constatar que o traballo de control de todos os lumes dera o seu froito, pero manifestou o seu rexeitamento contundente á situación . "Está claro que na franxa de Viascón, Tenorio, Almofrei, Borela e Carballedo, temos a alguén que quere facer mal e provocar un gran incendio e temos que evitalo. Eu pídolle aos veciños que estean atentos, que denuncien calquera cousa, e insisto en que non pararemos de tomar medidas. Desde logo que non se pode poñer a un sentinela non monte cada 500 metros, pero está claro que teremos que vixiar máis, colocar cámaras ou ou que sexa para liquidar este problema".

O rexedor, que chegou a insinuar que faría falta incluso a presenza "do exército" en casos de montes tan ameazados como o desta franxa do municipio, anunciou que se seguirán buscando máis medidas para atallar con prontitude esta situación, pero, sobre todo, para dar coa ou as persoas que están a intentar propagalos polo territorio e que xa hai dúas semanas cualificou como "terroristas da terra".

COORDINACIÓN. Os efectivos que participaron na extinción dos lumes viviron entre o luns e o martes unha xornada maratoniana. O alcalde apuntou que se puideron retirarse a descansar tras apagar o último lume da noite (pasada a 1.00 da masdrugada), e empezaron de novo sobre as dez, ata ben entrada a tarde. Os efectivos locais, sostén o alcalde, retiráronse aínda que con responsables de garda, por se a situación se repetía tamén na noite do martes.

Do mesmo xeito que sucedeu hai dúas semanas e tamén no Concello de Ponte Caldelas na xornada do luns co lume de Castro Barbudo, a pronta intervención e o poder contar cun retén local están a demostrar ser moi útiles para evitar que lumes incipientes cheguen a converterse en incendios perigosos. Dáse a casualidade de que moitos destes conatos foron declarados en parroquias que son ou foron lugares clasificados pola Xunta pola alta actividade incendiaria en anos anteriores. En Barbudo, Viascón, Tenorio e Almofrei rexístranse incendios forestais con frecuencia anualo incluso maior.

Así foron os lumes
O luns empezou a arder ás 21.52 horas en Tenorio e a alerta en Almofrei saltou ás 22.26. Cando ese conato estaba controlado, apareceron outro incendio en Tenorio ás 22.30 e en Almofrei ás 22. 47. O último da noite declarouse en Tenorio ás 23.00. Xa de día, esta parroquia rexistrou lumes, ás 10.00 e ás 10.10 horas, e Almofrei un, ás 10.05 horas. Carballedo empezou a arder ás 11.04 e Borela ás 15.34 horas. En total, non ardeu máis dunha hectárea de monte. Traballaron na súa extinción dotacións compostas por entre un e tres axentes e entre unha e 4 brigadas. Só dous lumes requiriron medios aéreos.

Comentarios