Julio Sayáns, exalcalde de Campo Lameiro: "O brote afectou a nove da casa"

Toda a familia se viu obrigada a someterse a unha PCR "e tiñámolo todos"
Julio Sayáns. DAVID FREIRE
photo_camera Julio Sayáns. DAVID FREIRE

Julio Sayáns, exalcalde de Campo Lameiro, de 71 anos, tamén se atopou co virus no seu camiño. Foi en outubro e descubriuno tras empezar a sentir febre e malestar durante unha xornada de caza. "A miña muller díxome: vente, que podes ter coronavirus, que a nosa veciña acaba de dar positivo. Xa fixen a viaxe de volta con bastante febre". O luns, no médico, comunicáronlle que era positivo e tras unha radiografia e un TAC, descubriron que a pneumonía estaba a avanzar máis do desexable. "Quedei con osíxeno en planta e estiven dez días así, outros cinco de hospital e dez máis illado na casa. Despois entereime de que a cousa fora bastante seria cando me deron a alta e a miña doutora dixo: estiveches nas portas da UCI". 

Sayáns explica que a partir da súa proba toda a familia tivo que facer PCR "e tiñámolo todos. O noso brote afectou a nove da casa, desde a miña neta de dous anos e medio, ata a miña nai, de 94. Entre os cazadores, a pesar de compartir a actividade e a mesa, só se contaxiou un compañeiro". 

Dos dez contaxios detectados, só el estivo hospitalizado. "O resto pasárono mellor ou peor, pero na casa. Miña nai, que era a que máis nos preocupaba, estivo asintomática. Lembro que cando me chamaron, porque daquela xa esaba ingresado, pensei: Alá vai, agora non poderei nin despedirme dela. Paseino fatal, naquelas primeiras horas, pero sorprendentemente, non foi así". 

Por sorte, todo saíu ben, aínda que o exalcalde recoñece que a factura do virus págase prazos: "Cando saín, non tiña forza nin para andar 200 metros. Agora aínda me esta vendo o neumólogo", explica, pero, tras "comezar a facer andainas para recuperarme, xa podo andar catro ou cinco quilómetros". Pasar a covid cambiou a perspectiva de Sayáns sobre esta pandemia. "Ogallá unha boa vacina puidera axudar a que todo remita, pero un lé cousas das cepas e ve como afecta de xeito tan diferente ás persoas e non sabe que pensar", reflexiona. Agora, á espera de que todo mellore, pide "que a xente extreme a prudencia non que poida, aínda que penso que igual nin con iso evitamos que o 60 ou 70% da xente o pase": 

Comentarios