A Lama inviste 48.000 euros no ensanche do acceso rodado a Reconco

A obra finánciase mediante o acordo de compensación pola planta de transferencia
A LAMA
photo_camera O teniente de alcalde, David Carrera, na visita á obra. DP

O alcalde en funcións do Concello da Lama, David Carrera, supervisou recentemente a marcha das obras de mellora do Camiño de Reconco, na parroquia de Barcia de Seixo, no que se están a investir máis de 48.000 euros a través do acordo de compensación coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) asinado á raíz da construción da nova planta de transferencia de residuos no Polígono Industrial de Racelo que o Concello compartirá con Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Fornelos de Montes.

As obras realizadas cos fondos do devandito plan de compensación permitirán actuar sobre un trazado aproximado de 1,5 quilómetros nun camiño que, a través desta segunda fase, permite un mellor acceso en vehículo ao barrio do Reconco e favorece a canalización de augas pluviais. Este ensanche permitirá que este vial pase a dispoñer dunha plataforma duns cinco metros o que mellora substancialmente o camiño existente. A execución da obra ten un prazo de dous meses.

Os traballos están sendo acometidos pola empresa Caldevergazo e realízanse grazas á colaboración dos propietarios dos terreos colindantes que deron autorización para que se poidera levar a cabo esta importante obra que mellora a accesibilidade do tráfico rodado ao Reconco. A finalidade do mesmo é que, ademais dos turismos convencionais, as ambulancias e camións de Bombeiros, así como outros vehículos de emerxencias poidan acceder a este núcleo de poboación.

Tal e como apunta o Concello, as actuación que se están levando a cabo permitirán establecer unha plataforma de acceso de material compactado e remachado con pisón para favorecer a consolidación do terreo.

Ao mesmo tempo, deixáronse cunetas de drenaxe, melloráronse os puntos de recollida e canalización de pluviais e habilitáronse pases de auga para evitar empozamentos ou accións erosivas que poidan acurtar a vida útil desta infraestrutura.  

Comentarios