martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

Loli Otero: "Se non corrixen a obra, terei que acabar pechando o negocio"

A propietaria do viveiro amosa a zona na que anteriormente había sitio para aparcar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
A propietaria do viveiro amosa a zona na que anteriormente había sitio para aparcar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
A propietaria do viveiro Aires da Terra, en Samieira, alerta da problemática que supón para o seu negocio a actuación na PO-308, que deixou ao establecemento sen zona de aparcamentos e carga e descarga

Dende que hai arredor de dous anos a Consellería de Infraestruturas concluiu a actuación na PO-308 á altura de Samieira, que serviu para renovar a marquesiña existente e para mellorar o tránsito de peóns mediante unha beirarrúa, son moitos os veciños que alertaron dos cabos soltos aínda por resolver, e que fan o seu día a día máis complicado, ao carecer, por exemplo, dun paso de peóns para acceder cómodamente á praia do Laño, poñendo tamén en risco a súa seguridade para acceder aos contedores de lixo. Agora, é o negocio de Loli Otero o que se atopa ao límite. A veciña, que rexenta dende hai catro anos o viveiro Aires da Terra non atopa saídas: "se non corrixen pronto a obra, terei que acabar pechando o negocio", di.

E é que, tras a actuación na PO-308, Aires da Terra quedou seriamente perxudicado. Neste sentido, suprimiuse o vado, que contaba cunha extensión duns cinco metros para aparcar xusto ao carón do negocio, e que resultaba fundamental "sobre todo para descargar a mercadoría". O vado é, agora, un carril de aceleración a carón da parada, polo que o negocio vese en serias dificultades para "descargar os camións". A única opción para o establecemento nestes momentos é "cruzar a estrada aventurándonos a que nos atropelen, algo que, ademais, resulta imposible cando se trata de cargar mercadoría. Non podo cruzar por aí cun palé de 2.000 quilos. Non me quero imaxinar que pasaría se volca no medio da estrada", di a propietaria do negocio, preocupada.

Ao problema de carecer dun lugar seguro no que descargar as mercadorías preto do negocio, súmaselle o do aparcamento dos propios clientes, que acoden ao establecemento a mercar artículos pesados como, por exemplo, "sacos de terra de 30 quilos. A xente non pode aparcar ao outro lado da estrada e cruzar sen paso de peóns, e moito menos portando este tipo de compra, é unha loucura", di Otero.

Para Loli, que xunto con varios veciños da zona xa ten recollido sinaturas para a modificación da obra, a meta está moi clara: "eu só pido que a Xunta se replantexe esta actuación. A mellor solución sería trasladar a marquesiña a 50 metros, onde hai unha recta, e habilitar alí un paso de peóns, que é tamén o que reclaman os veciños. Deste xeito, o meu negocio podería seguir tendo una zona para carga e descarga", di, ao límite pola situación. "Non quero que pase unha desgraza calquera día. Ao final acabamos tendo que cruzar polo medio da estrada, tanto os traballadores coma os clientes. Moitos deles optan por aparcar na beirarrúa e non quero que veñan ao meu negocio intranquilos porque os poidan multar. As descargas co camión estámolas facendo na parada de autobús, pero non é o correcto. Somos oito empregados e se isto segue así acabarei pechando, non quero poñer en perigo a ninguén", lamenta.

O paso de peóns, unha das prioridades
O Concello de Poio xa remitira unha serie de alegacións á Consellería de Infraestruturas, co obxectivo de que se engadisen algunhas melloras ao proxecto da PO-308 entre Samieira e Raxó. Entre elas, figuraba a petición dun paso de peóns na recta do Laño, que seguen a reclamar os veciños e veciñas do lugar, e tamén a recuperación dalgunhas prazas de estacionamento na zona.

Tal e como aseguran os membros do Goberno local, que visitaron a zona en varias ocasións, "moitas das propostas remitidas non se cumpriron". Segundo explican dende o Concello, a praia do Laño "recibe moitos bañistas en verán, que agora non van dispoñer de apenas espazo para aparcar, xa que as prazas reducíronse de xeito drástico coa reforma". 

Loli Otero: "Se non corrixen a obra, terei que acabar pechando o...
comentarios
ç