Lucía Lourido retira a denuncia contra a moza que lle roubou o portátil tras recuperalo

A escritora renuncia ás accións xudiciais despois de que a ladroa contactase de novo con ela: "Vina arrepentida"
Lucía Lourido. G. GARCÍA
photo_camera Lucía Lourido. G. GARCÍA

A escritora Lucía Lourido, que foi vítima dun roubo do seu portátil e o seu bolso con dous teléfonos móbiles, anunciou que recuperou o portátil e retirou a denuncia por extorsión presentada contra a persoa que llo subtraeu. Lourido explicou que a moza estableceu de novo o contacto con ela e neste caso "si a vin arrepentida".

A presunta autora dos feitos fíxolle saber que o mal intre pasado en prisión serviulle para reflexionar e mostrou a vontade de devolver o subtraído. A moza entregou o computador á dona lexítima así como un dos teléfonos. Fáltalle aínda por recuperar outro dos móbiles e a carteira coa documentación.

A escritora recoñece que "tras esta experiencia" está agradecida por toda a axuda que recibiu e que, como aprendizaxe, saca, precisamente que "as segundas oportunidades merecen a pena", motivo polo que optou por renunciar ás accións xudiciais.

Aínda que dispón xa do computador, a experta en mindfulness di que perdeu todo o material que había tanto no mesmo como no teléfono móbil, polo que non poderá recuperalo, salvo que algún informático consiga reverter o borrado.

Lourido ofrecera unha recompensa de 1.000 euros polo contido do computador, entre o que estaba o seu libro, aínda sen publicar. A persoa que quixo cobrar a recompensa a cambio de entregarllo foi detida pola Garda Civil nun operativo despregado no intercambio do mesmo. A moza portaba un pendrive co arquivo, pero non entregou nada máis.

Comentarios