Os maiores de Poio, protagonistas ante a cámara

'Gábate dos teus avós' é un concurso de fotografía impulsado pola concellería de Benestar, como recoñecemento "ao seu esforzo"
La edil de Benestar Social de Poio, Rosa Fernández. DP
photo_camera La edil de Benestar Social de Poio, Rosa Fernández. DP

O confinamento, as restricións e a situación xerada pola pandemia afectou, de xeito especial, aos maiores, aos que agora a concellería de Benestar Social de Poio quere recoñecer "o esforzo realizado", motivo polo cal vén de poñer en andamento o concurso de fotografía Gábate dos teus avós, no que eles e elas son protagonistas ante a cámara.

A iniciativa vén da man do Día das Persoas Maiores, que se conmemorou o pasado 1 de outubro. Co gallo desta data, verá a luz esta iniciativa en favor da veciñanza da terceira idade, na que o departamento dirixido por Rosa Fernández pide que as familias envíen ao Concello fotografías dos seus maiores (pais, avós, etc) posando coa máscara. O certame desenvolverase de xeito virtual, e a foto que obteña un maior número de likes será a vencedora. Os gañadores gozarán dunha sesión de spa no Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo, que incluirá tamén unha merenda.

Aquelas persoas interesadas en tomar parte neste concurso poden empezar xa a publicar as súas instantáneas nas súas redes sociais, acompañadas dunha pequena frase que defina aos seus avós ou na que se explique a importancia que ten para a vida dos seus familiares, algún refrán que utilicen habitualmente, ou calquera outro texto significativo. Para participar, só é necesario engadir o hashtag #gabatedoteuavo e que a publicación estea configurada como "pública" nas redes sociais, para que poida ser visualizada por todos os usuarios. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 12 de outubro.

Posteriormente, procederase á votación popular, que finalizará na medianoite do día 13. Rosa Fernández, explica que "queremos desenvolver esta iniciativa como recoñecemento aos nosos maiores, polo esforzo que levan realizado á hora de superar o confinamento e polo cumprimento das restricións derivadas da covid-19". Neste sentido, a edil socialista lembra que "este colectivo é un dos máis vulnerables nesteconte xto e un dos grandes bastións nos que nos apoiamos dentro das nosas familias. É por iso polo que queremos darlle a visibilidade que merecen, e máis agora que se vén na obriga de permanecer na casa e manter as distancias".

A Concellería de Benestar Social vén desenvolvendo unha intensa labor cos maiores do municipio, que durante o confinamento puideron seguir coas tarefas marcadas no taller de memoria e as diferentes actividades dende os fogares. A Concellería tamén retoma este curso a actividade presencial, coas debidas garantías sanitarias, a petición dos usuarios e usuarias.

VODAS DE OURO. Outra das actuacións que está a levar a cabo a concellería é a conmemoración das vodas de ouro de xeito adaptado. Nos vindeiros días comezará a facer entrega a domicilio dos obsequios conmemorativos aos matrimonios que este ano celebran as súas vodas de ouro.

Esta fórmula substitúe ao tradicional acto que desde 1993 se viña desenvolvendo na Casa Rosada para celebrar esteacontecemento, e que nesta ocasión ten que suspenderse debido á crise sanitaria. Será a propia Rosa Fernández quen se traslade aos domicilios das máis de 30 parellas á que lles correspondería a homenaxe neste 2020 para facerlles entrega dos obsequios.

Comentarios