Os maiores de Poio volverán á actividade co inicio do novo curso

A concelleira Rosa Fernández presentou un programa «moi meditado e concienciado»
A concelleira de Mocidade, Rosa Fernández, xunto ás técnicas Ana Campos e Irene Ramírez. G. GARCÍA
photo_camera A concelleira de Mocidade, Rosa Fernández, xunto ás técnicas Ana Campos e Irene Ramírez. G. GARCÍA

A concellería de Benestar e Mocidade de Poio presentou este venres o seu programa de actividades para o novo curso, un extenso calendario que conta con máis de 20 opcións en materia de formación, lecer ou mantemento que, sobre todo, están pensadas para que os maiores da casa volvan á actividade despois dun confinamento que, segundo explicou a concelleira de Benestar e Mocidade, Rosa Fernández, "xa lles pasou factura".

A concelleira asegurou que "a decisión de establecer este calendario de actividades presenciais foi moi meditada", pero que finalmente se valorou positivamente dado "o volume de chamadas que recibimos por parte de familiares e dos propios maiores que son usuarios, para pedirnos que volvamos". Segundo Fernández, "arrancaremos con todas as medidas de seguridade porque consideramos que aos avós témoslles que dar unha saída, non os podemos ter máis tempo encerrados. Facémolo con moita ilusión para que os maiores estén atendidos. Durante este tempo que estiveron confinados todos fixeron a distancia os traballos que lles enviamos, pero eles necesitan relacionarse, saír da casa e moverse".

A concellería dá servizo a 120 maiores, que agora, neste novo curso, baixará a súa ratio para poder adoptar as medidas de seguridade que conveñan, e tamén pola avanzada idade dalgúns deles, que en moitos anos superan os 80 anos de idade. A técnica de animación, Ana Campos, destacou que "el hecho de comenzar es una petición directa de los mayores. Es una apuesta económica importante del Concello, que no va a tener los mismos ingresos porque va a venir menos gente. Hay personas que se mueren de soledad, ellos necesitan esto".

Tamén sairán adiante os obradoiros de Mocidade, nos que os xóvenes poderanse seguir formando en grupos reducidos e con garantías sanitarias.

Actividades destacadas
Haberá varias citas clásicas e tamén novidades. Casa Rosada acollerá parte destas citas, entre as que se inclúe o taller de ximnasia para persoas da terceira idade. Haberá tres grupos diferentes e a cota será de 12 euros, preferiblemente a ingresar por trimestre. As dependencias do Centro Social tamén serán escenario do obradoiro de corte e confección, os luns e mércores, cunha cota de 22 euros ao mes.

Tamén destacan as actividades gratuítas coma o coro, o grupo de teatro ou bailes de salón. O programa itinerante Saudemente, destinado a maiores, mantense a partir de outubro nos seus puntos habituais. Tamén haberá cursos do departamento de Mocidade, coma o obradoiro de arranxar bicicletas ou traballo con coiro e zumba.

Comentarios