Máis de cen usuarios súmanse ao deporte ao aire libre con 'Cóidate sempre'

A primeira das actividades para maiores do Concello de Poio encadea xa tres semanas de funcionamento
Unha das reunións de 'Cóidate sempre', a cargo da monitora Marta S. Rancaño, no exterior da Casa Rosada. DP
photo_camera Unha das reunións de 'Cóidate sempre', a cargo da monitora Marta S. Rancaño, no exterior da Casa Rosada. DP

O programa Cóidate Sempre, da Concellería de Benestar Social e Mocidade de Poio, está a resultar un rotundo éxito de asistencia, segundo indica o Concello despois dos primeiros compases de funcionamento do mesmo.

Esta cita é a primeira pensada para reunir aos e ás maiores do municipio en actividades de mantemento físico despois da remontada da situación sanitaria, e sobre todo, ante a maior tranquilidade do inicio do proceso de vacinación. Desde a súa primeira sesión, que tivo lugar o día 7, xa foron máis de cen as persoas que se achegaron para participar. Os recintos escollidos son espazo exterior da Casa Rosada (onde os maiores se reúnen os mércores) ou á explanada das festas na Seca (utilizada os venres).

Parte do éxito da iniciativa é que esta está pensada para que os e as maiores poidan retomar hábitos saudables e a práctica de exercicio físico, despois de permanecer durante meses confinados.

A concelleira titular desta área, Rosa Fernández, explica que os inicios da cita foron tímidos, pois "comezamos cuns poucos inscritos, pero agora mesmo en cada sesión achéganse máis de 30 persoas, moitas das cales repiten habitualmente". 

Cóidate Sempre desenvólvese cumprindo con todas as medidas de seguridade e hixiene que marcan as autoridades sanitarias, algo primordial polo sector tan sensible da poboación para o que foi deseñada a actividade.

Ademais de participar ao aire libre, os e as usuarias deben utilizar máscara en todo momento e manter as distancias. "Estamos tendo bastante sorte coas condicións meteorolóxicas, porque, ata o de agora, non nos vimos na obriga de suspender ningunha sesión por culpa da choiva. Iso fai que a xente tamén se anime a participar. Moitos deles e delas son parte do programa Saudemente, coñécense entre si e tiñan ganas de volver a verse e de saber uns dos outros", sinala tamén a concelleira.

Entre o alumnado que acode ás sesións de mantemento impartidas pola monitoria Marta S. Rancaño hai persoas de todas as idades. "Contamos con xente maior de 80 anos, que acoden con moita ilusión a realizar os seus exercicios e estiramentos", conta Fernández González.

A sesións continuarán desenvolvéndose, de xeito gratuíto, ao longo dos vindeiros meses, sempre que a situación sanitaria o permita. Estas citas teñen lugaros días sinalados ás 11.00 horas, e contan cunha duración duns 60 minutos.

Comentarios