Adaptarse ou morrer. É o lema de máis dun cento de negocios locais de Poio, que xa se adaptaron á era dixital a través do mapa virtual de Poio Confía, no que están representados o sector comercial e hostaleiro do municipio, despois de que o selo se presentase o pasado mes de outubro. Esta nova ferramenta online pronto será posta a disposición do público co obxectivo de que a veciñanza poida descubrir dunha ollada á variedade de negocios que hai no municipio, e atopar información sobre eles.
O Concello está a ultimar a posta a punto da ferramenta, na que están incluídos os negocios que contan co selo Poio Confía, co que u Concello garante que cumprenvos requisitos en materia de seguridade sanitaria, aforamento e hixiene.
Ata o momento, máis de 100 negocios de Poio foron asesorados a través deste programa. Así o lembraron o concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, e a edil de Turismo, Silvia Díaz, responsables de Poio Confía, quenes tamén explicaron que "con este mapa virtual, o que se busca é un dobre obxectivo. Por unha banda, entendemos que é necesario ofrecer aos veciños e veciñas unha ferramenta que resulte sinxela e efectiva á hora de realizar a busca dalgún servizo que precisen. Ademais, temos claro que tamén é prioritario darlle visibilidade ás pequenas empresas e autónomos, para poñer en valor o seu esforzo e compromiso neste contexto tan difícil".
No mapa poiense pódese atopar información sobre negocios de diferentes eidos, dende tendas de produtos do fogar, autoescolas, comercios de todo tipo, talleres de vehículos, librarías, profesionais do rotulado, locais de tatuaxes ata zapaterías con selo de seguridade. Ademais, no mapa virtual hai un apartado especial para todos aqueles establecementos da hostalería que dispoñen de servizo de recollida de comida para levar ou de envío a domicilio. Deste xeito, os e as interesadas poderán informarse sobre os seus produtos e horarios de funcionamento, entre outros datos. Os negocios hostaleiros interesados en sumarse a esta iniciativa poden enviar os seus datos a [email protected] ou chamar ao 625120475 para resolver dúbidas sobre o funcionamento.
Os negocios participantes contarán cun selo acreditativo, que estará exposto tanto no local como no mapa virtual de Poio Confía. Os departamentos de Turismo e Promoción económica reafirmaron o seu compromiso de continuar traballando en contacto con estes sectores.