Malestar do PSOE de Poio polos cambios no proxecto para a PO-308 na Pinela

O voceiro socialista detectou que se suprimiu unha ringleira de estacionamentos en Combarro e se cambiou por zona verde
Agís, coa deputada socialista Paloma Castro. DP
photo_camera Agís, coa deputada socialista Paloma Castro. DP

O voceiro do PSdeG-PSOE de Poio, Gregorio Agís, cargou duramente contra a Consellería de Infraestruturas, ao entender que este gabinete está a modificar "ás agochadas" o proxecto de mellora do tramo da PO-308 entre Fontenla e Combarro.

En concreto o concelleiro de Urbanismo dá conta dun cambio substancial que pasaría pola dotación de elementos verdes na marxe dereita do vial, en dirección a Combarro, ao longo da recta da Pinela, o que suporía a eliminación dun gran número de prazas de estacionamento. O cambio aparece reflexado en imaxes do proxecto ás que ten acceso o PSOE, pero Agís sinala que "non se deu conta á veciñanza" desa modificación.

O edil considera "de moita gravidade" este feito, xa que, ademais de suprimir espazos para aparcar, "a Xunta de Galicia fixo esta modificación ás agochadas, porque no proxecto que foi sometido a exposición pública non figuraba a eliminación do estacionamento", apuntou. Ademais, insiste en que "é unha medida que carece de sentido, porque os elementos verdes que se pretenden introducir son demasiado estreitos como para seren considerados de utilidade. Desde logo, esta novidade non xustifica para nada a supresión de prazas".

O concelleiro anuncia que o PSdeG-PSOE instará á Consellería de Infraestruturas a que manteña estas prazas de estacionamento, algo que "non implicaría novas expropiacións" e, ademais, tamén esixe "seriedade" ao departamento autonómico. "Non é a primeira vez que modifican un proxecto sen darlle traslado ao Concello ou aos veciños", advertiu.

O grupo municipal do PSdeG-PSOE insta ao PP local a que se pronuncie sobre esta cuestión. "O PP non se cansa de falar de falta de estacionamento e critica as xestións que realiza o Concello nesta faceta, pero agora non di nada sobre o espolio de prazas na Pinela", censura.

Comentarios