Mar e música déronse este sábado a man en Vilaboa na primeira xornada da Festa do Mar, un festival de sabores propios da ría co que o Concello quere apoiar ao sector marisqueiro, ao gastronómico e tamén aos colleiteiros locais.
A festa, emprazada no campo próximo ao peirao de San Adrián, contou cunha xornada inaugural na que non faltou un discurso do alcalde, así como con unha degustación que se iniciou ás 11.00 da mañá e que xa na primeira quenda esgotou existencias. Ademais houbo un cursiño de lacado de metais, e, como colofón, o concerto da Banda de Música de Vilaboa, co que conmemorou o seu décimo aniversario.
A hora do concerto foi a de maior afluencia da xornada. Os intérpretes Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Miguel Ladrón de Guevara puxeron a súa voz para acompañar a este conxunto de músicos e músicas vilaboeses que se iniciaron na súa infancia e que participan tamén na Escola de Música.
En canto aos petiscos, na primeira quenda da xornada servíronse 240 racións de choco nas súas distintas presentacións, 177 de mexillón e 166 de ameixa. Para este domingo, despedida da festa con casetas abertas desde as 11.00 horas ata esgotar existencias dos mesmos pratos e animación musical, que correrá a cargo do grupo Aires de Cobres.
Os establecementos Restaurante Mauro, Casa Aurelia, A Garboa e A Casa de Rosa de Mazaroca son os que ofrecen arroz con choco na súa tinta, empanada de choquiños, empanada de millo de chocos, mexillóns ao vapor ou en escabeche e participan no concurso e cata organizado polo Concello. Os prezos de degustación van desde os 3,5 aos 6 euros.