Marga Caldas reivindica o traballo de cara ás crianzas e promete apoio e parques para a infancia

A candidata atribúe á boa xestión do BNG o feito de que o Concello teña a media de idade máis baixa da comarca e destaque pola gran cantidade de familias con nenos. "Poio é un concello con futuro que seguirá a medrar nos vindeiros anos"
BNG POIO PARQUE
photo_camera A candidata nacionalista, a primeira hora do venres, ante as instalacións de Rosalía de Castro. D.P.

Últimas mensaxes políticas da campaña en Poio, onde o BNG optou por falar de futuro e pensar nos nenos e nenas da vila. Marga Caldas, a candidata, reuniuse con membros da lista electoral en Rosalía de Castro, San Salvador, onde puxo o recén rematado parque infantil como exemplo dun Goberno que pensa nas familias e nas crianzas. A candidata considera que non hai mellor exemplo dun concello ben xestionado que o feito de que este rexistre crecemento, non só en empadroamentos, senón no seo da maior parte das familias.

Así, lembrou que “Poio atópase á cabeza da porcentaxe de poboación menor de 44 anos de toda a comarca. Isto  débese á gran cantidade de familias novas con nenos que se foron instalando no noso concello, e reflicte que Poio é un concello con futuro que seguirá a medrar nos vindeiros anos”, sinalou a cabeza de cartel.

Segundo o BNG, este é un dos tres datos que evidencian a boa xestión do goberno municipal,
acompañado do crecemento de poboación e a consolidación de Poio como un centro xerador de
emprego.

Para os nacionalistas é moi importante atender as necesidades das familias con nenos, non só en ámbitos como a conciliación, as actividades deportivas e culturais ou a defensa da Sanidade, senón tamén con actuacións como "a mellora deste parque cuberto en Rosalía de Castro, na contorna de Ferreirós, que nas tardes deste mes de maio xa se amosou ateigado de nenos e nenas desta zona", apuntou.
"Queremos exportar este modelo de éxito a todo o concello, e construír no vindeiro mandato parques destas características en Samieira, Combarro, San Xoán ou Raxó, para que as familias de Poio poidan seguir gozando dun parque coma este sen desprazarse”, apuntou a candidata nacionalista.

Comentarios