María del Carmen Pérez repartirá máis de 200 lotes de alimentos este Nadal

A iniciativa solidaria impulsada cada ano pola veciña de Poio volve a acadar cifras récord a pesar da covid
María del Carmen elaborando lotes no Pazo de Besada. GONZALO GARCÍA
photo_camera María del Carmen elaborando lotes no Pazo de Besada. GONZALO GARCÍA

Este Nadal están a xurdir grandes actos solidarios entre a veciñanza de Poio, dos que María del Carmen Pérez é a indiscutible veterana. A veciña de Poio cumpre estas festas 22 anos elixindo adicar a celebración do seu propio aniversario e as festas do Nadal a axudar aos demais. Para ela, é unha vocación. "Este ano teño lotes para moitísimas persoas, nunca pensei chegar a tantas, porque non nos podemos mover", asegura. Así, estima que ata baleirar o almacén ateigado de mercadoría da previa recollida solidaria, poderá estar entregando lotes ás familias máis necesitadas "ata Reis". Neste sentido, acadará entre 260 e 270 lotes entregados, unha labor que sería imposible, tal e como asegura, sen a axuda "de todas as empresas, amigos e amigas que botaron unha man, incansables, e están sempre ao meu carón". 

María del Carmen Pérez que, hai xa anos, constituiuse en asociación, que leva o seu mesmo nome, quixo destacar tamén xestos solidarios no marco da súa iniciativa coma "o do presidente do Banco de Alimentos, que ofreceu a esta asociación un menú preparado para facer a entrega para as ceas de Nadal das familias que non a poden ter. Hai que quitarlle o sombreiro", asegurou.

Na noite do pasado venres María del Carmen xa levaba entregados 70 lotes de alimentos para as familias necesitadas, que nas últimas horas se converteron en moitos máis, a base de produtos básicos como patacas, pasta, arroz, lentellas, garbanzos, aceite, conservas, fariña, cacao, azúcar, galletas, leite e, nalgúns casos, turrón. "Iso faltounos este ano", recalca, "e tamén os mexillóns". A labor solidaria da veciña de Poio, que ten como base de operacións o Pazo de Besada, continuará nos vindeiros días, como cada ano, "ata agotar existencias". 

Comentarios