A Meca moteira está en Poio

A estatua ao moteiro caído do parque da Reiboa vive este xaneiro o seu mellor momento como punto de referencia no mundo da moto. Coa volta ás rutas, máis de 200 persoas das catro provincias galegas pasaron xa por este singular emblema
Visitantes no monumento, ubicado no parque da Reiboa. A ROSA DOS VENTOS
photo_camera Visitantes no monumento, ubicado no parque da Reiboa. A ROSA DOS VENTOS

Roda libre, refachos ao ceo. No último mes, esta frase vén protagonizando as fotografías dos moteiros e moteiras que pasan por Poio de ruta, e que non perden a oportunidade de visitar a emblemática estatua ao moteiro caído, ubicada no parque da Reiboa, en A Seca, escenario anual da coñecida Concentración Moteira. O monumento de pedra, que pesa arredor de oito toneladas entre o pé e a propia estatua, estase a converter en todo un referente. Nunha auténtica Meca moteira á que peregrinar. "O monumento foi inaugurado na X Concentración Moteira de Poio en 2019, antes da pandemia, como homenaxe aos moteiros caídos que, por desgraza, van quedando atrás. Logo veu a covid, e a xente deixou de saír tanto de ruta. Pero agora que a situación xa non é a mesma, estamos notando un aumento impresionante das visitas á estatua", explicou o presidente do motoclube A Rosa dos Ventos, Manuel Torres.

Visitantes no monumento, ubicado no parque da Reiboa. A ROSA DOS VENTOS

Só no que vai de xaneiro, segundo os datos do clube que impulsa a cita, e cuxa iniciativa posibilitou a colocación da estatua, xunto co Concello de Poio, pasaron polo monumento ao moteiro caído da Reiboa arredor de 200 persoas. "En decembro promocionamos a estatua a través das nosas redes animando a visitala e fotografiarse con ela aos moteiros e moteiras que fan rutas, para crear tradición", explicou Torres. O que non imaxinaba, era a descomunal resposta do mundo moteiro en apenas unhas semanas. "Temos constancia de que pola estatua pasou xa neste tempo xente de toda Galicia, das catro provincias, polas fotografías que nos chegan, as consultas que recibimos no clube e o que nos contan", garantiu o presidente de A Rosa dos Ventos.

Visitantes no monumento, ubicado no parque da Reiboa. A ROSA DOS VENTOSDesde o clube destacaron, ademais, que pese a que na comunidade galega existen outros exemplos de monumentos e puntos no mapa adicados ao mundo da moto, coma a rocha na que paran moitas rutas no Canón do Sil, ou o monumento adicado ao piloto falecido Dani Rivas, en Moaña, "o de Poio ten un carácter xeral, é para todos, e é de grandes dimensións". Dende A Rosa dos Ventos prantexan agora vindeiras iniciativas para potenciar o simbolismo dunha figura que xa comezou a despuntar.

Comentarios