Medio Rural pavimentará o camiño de Esperón a Xuviño

Investiranse nas obras case 50.000 euros
O alcalde, no vial, que actualmente está en moi mal estado. DP
photo_camera O alcalde, no vial, que actualmente está en moi mal estado. DP

O Concello de Poio asinou coa Consellería de Medio Rural un convenio de colaboración para realizar obras de infraestruturas no rural mediante o cal se procederá pavimentar o camiño de Esperón a Xuviño.

"Esta é unha das vías máis deterioradas que hai no municipio, e polo tanto era urxente e necesario actuar nela para mellorar a seguridade", indicou o alcalde, Ángel Moldes, tras anunciar na Xunta de Goberno esta nova mellora no viario municipal.

Con esta actuación, ademais, segundo explicou o alcalde, cúmprese outro dos compromisos adquiridos polo novo Goberno coa veciñanza de cara a mellorar a seguridade viaria.

"É unha vía municipal moi transitada e é un perigo nas condicións nas que está desde hai moitos anos", apuntou Moldes, que por iso agradece o compromiso do Medio Rural para levar a cabo este investimento.

Segundo este convenio, Medio Rural asume a realización íntegra das obras con cargo aos seus orzamentos, que contarán cun investimento total de 48.145,30 euros.

O vial ten unha lonxitude de 807 metros e as obras a realizar contemplan, en primeiro lugar a limpeza das marxes e cunetas de todo o trazado, e despois prevese a pavimentación de sobreanchos, previo caixeado estendido de capa.

Comentarios